Con motivo das festas patronais do Burgo, que se celebrarán do 23 ao 28 de xullo, o Concello de Culleredo confiou á empresa galega Radiospectrum a instalación dun completo e avanzado dispositivo de vídeo-vixilancia para garantir a seguridade de todos os cidadáns.
O operativo despregado está composto por un total de 8 cámaras estratexicamente distribuídas en varios puntos que acoutarán o recinto no que se celebran as festas. Inclúese tamén unha cámara Domo, cinco cámaras radio-enlazadas e dúas cámaras LTE 4G, as cales “asegurarán unha cobertura integral e en tempo real do evento”, indicou a empresa, engadindo que o operativo tamén disporá dun PMA ou Posto de Mando Avanzado que centralizará as operacións. Este posto converterase durante as festas “nunha sala 092 móbil”, explicou a firma, engadindo que este feito “permitirá ao Concello de Culleredo reforzar o seu dispositivo sen necesidade de ampliar efectivos e desde onde poderán visualizarse todas as imaxes en tempo real que estarán a captar tanto as cámaras despregadas como as instaladas no mastro do PMA, que despregado a unha altura de 15 metros permite un gran ángulo de visión”. A solución, apunta Radiospectrum, “facilita non só o control en tempo real, senón tamén a atención de demandas e peticións provenientes do resto do municipio sen perder eficiencia”.
Como novidade, grazas á unión de Radiospectrum e .338, o Posto de Mando Avanzado contará con SITAC, o software de xestión e coordinación dos indicativos de Policía Local e Protección Civil. Co soporte que ofrece o sistema de vídeo-vixilancia de Radiospectrum integrada en SITAC e a información en tempo real sobre o terreo dos indicativos en servizo, “lógrase unha coordinación eficiente e unha toma de decisión máis precisa”, engade a empresa, explicando que SITAC é un sistema de mando, control e situación táctica desenvolvido para Direccións de Emerxencias de Concellos, Forzas e Corpos de Seguridade, Bombeiros e Protección Civil, que de maneira habitual operan e xestionan os dispositivos de seguridade e emerxencias en contornas urbanas e forestais. Esta solución, baseada no modelo internacional de dirección de situacións de emerxencia GOM (Xestión Operativa e Mando), permite mostrar nunha plataforma dixital o escenario da emerxencia, a natureza do risco e as súas consecuencias, os recursos implicados e as accións que están a se levar a cabo, todo iso actualizado en tempo real.
SITAC permite ademais usar a rede de datos de intelixencia e imaxes de cámaras fixas ou embarcadas (drons) que poidan apoiar á emerxencia ou dispositivo, a información de sensores localizados e deslocalizados, a fusión de datos, así como a súa difusión a todos os niveis.
Características do Posto de Mando Avanzado de Radiospectrum
En palabras da empresa, “o Posto de Mando Avanzado permítenos dar un servizo integral de comunicacións e vídeo-vixilancia e funciona como estación base para comandar operativos en situacións de emerxencia e dar cobertura en calquera evento ou situación”. Ten capacidade para 6 postos de traballo e está equipado coas tecnoloxías máis modernas de comunicación e visualización.
Entre as súas funcionalidades inclúense GPS, radiocomunicacións, telecomunicacións, rede Wi-Fi, cámara térmica cun alcance de ata 2,5 quilómetros, cámara óptica con alta sensibilidade para visión nocturna, e TV dixital con visualización de imaxes en tempo real e gravación para unha revisión posterior. “Estas capacidades permiten unha resposta eficaz e coordinada ante calquera eventualidade, garantindo unha vixilancia e control exhaustivos”, engaden dende Radiospectrum.
A tecnolóxica Radiospectrum habilita un avanzado dispositivo de seguridade nas Festas do Burgo
Compartir Este Artigo

