A organización da feira Pont-Up Store fixo pública este 23 de xullo a selección de iniciativas que van participar na súa undécima edición, que se desenvolverá a fin de semana do venres 20 e sábado 21 de setembro nunha carpa instalada na praza de España de Pontevedra. En total, na cita presentaranse 42 emprendementos innovadores. Como novidade, seis empresas tentarán convencer a potenciais investidores nun novo formato chamado Pont-Up Venture.
Segundo explicaron dende o Campus de Pontevedra (UVigo), promotor do encontro, estes 42 emprendementos destacan de novo a porcentaxe de empresas lideradas por mulleres e a importante presenza de iniciativas baseadas no rural galego. Amais, as candidaturas recibidas nesta edición superaron as expectativas, alcanzando un total de 142 solicitudes de participación e superando nun 12% as recibidas na edición anterior. Entre elas, os empredementos dirixidos por mulleres alcanzaron un 74%. En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas, e mesmo hai moitas propostas nas que o corazón do negocio susténtase na responsabilidade social e ambiental. Amais detectouse un incremento das candidaturas relacionadas con tendencias, novo estilo de vida, ocio, saúde e benestar e un aumento dos emprendementos de base tecnolóxica derivados da aposta polo novo formato Pont-Up Venture.
As iniciativas seleccionadas pola organización do encontro para participar en Pont-Up Venture son seis. Trátase, tal e como detallan desde a organización, da plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; os sistema Wildfire Sentinel, pioneiro en detectar incendios a través do olor; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas, que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas.
Este novo formato, indican desde Pont-Up, daralles a oportunidade ás persoas responsables destes emprendementos de presentar as súas ideas de negocio ante un xurado composto por mentores e potenciais investidores mediante unha intervención de tres minutos que estará seguida doutra sesión de tres minutos na que deberán responder a unha rolda de preguntas. Ademais das posibles oportunidades de financiamento que se abren con esta actividade, o emprendemento que finalice a rolda con mellor puntuación do xurado, conseguirá unha consultaría gratuíta de Google “á que é posible que se engadan aínda outras recompensas que a organización tratará de pechar nas vindeiras semanas”, tal e como apuntan desde o evento.
A feira Pont-Up contará coa participación de 42 iniciativas de emprendemento
Compartir Este Artigo

