O ano pasado puidemos ver como a canle temática Toros de Movistar Plus+ cesaba as súas emisións, deixando paso a Mundotoro TV, plataforma de vídeo en streaming que pasou a chamarse OneToro, e que semella que vai tamén camiño á desaparición, pois vén de publicar un comunicado no que indican que non retransmitirá «os compromisos de Sevilla e Madrid de final de tempada», argumentando a falla dun «acordo global de dereitos de imaxe equitativo».
Dende OneToro aseguran ter retransmitido 190 festexos dende a tempada 2023, realizando un investimento de 20 millóns de euros en dereitos de imaxe, o que provocou unhas perdas de 12 millóns de euros, facendo o seu modelo de negocio audiovisual insostible. Incluso apuntan que o seu teito de abonados foi de 60.000 usuarios, asegurando que só 1 de cada 4 afeccionados que consume os contidos de OneToro faino pagando legalmente.
Aínda que aseguran que van seguir «apostando firmemente pola tauromaquia, mantendo a nosa plataforma, producindo contidos exclusivos e ofrecendo festexos en directo» non queda nada claro que iso vaia ser posible, se realmente estamos ante un negocio inviable.
As corridas de touros están a desaparecer de todos os ámbitos, celebrándose cada vez menos presencialmente pola falla de público, contando con cada vez menos apoio das canles de televisión, e confirmando que nin sequera as plataformas dixitais son quen de soster un produto audiovisual se non hai demanda dabondo.
OneToro abandona as corridas en directo tras acumular 12 millóns de euros en perdas
Compartir Este Artigo

