A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, integrada por 15 organizacións autorais e case 10.000 creadores literarios (escritores e tradutores) en cinco linguas do Estado español (asturiano, éuscaro, catalán, castelán e galego), vén de formalizar unha declaración pública relativa a unha das tecnoloxías que experimenta meirande proxección no ámbito da creación en todas as súas manifestacións: a Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX). O texto da Conferencia, na que se integra a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), esixe que “os usos dos libros e outras publicacións con dereitos de autoría e protexidas pola Lei de Propiedade Intelectual, tanto se son para probas como para a explotación comercial da IAX, se rexan polos principios de autorización, remuneración e transparencia”.
Na declaración as asociacións queren trasladar á opinión pública, aos partidos políticos e aos gobernos locais, autonómicos e estatal, a súa “profunda preocupación” polo que consideran “unha alarmante falta de recoñecemento do valor esencial (moral e xurídico) dos dereitos de autoría e dunha remuneración acaída pola utilización das nosas obras nos máis diversos ámbitos da sociedade, de xeito moi especial nun mundo dixital altamente globalizado e cunha moi precaria lexislación na materia”.
Engaden que partimos duns precedentes que deberan ternos sobre o aviso: “A experiencia histórica demóstranos que a dixitalización incontrolada baseada no uso non autorizado nin comunicado das nosas obras causou un grave prexuízo á creación e á innovación, acentuando deste xeito a desvantaxe competitiva que padecemos con respecto ás nosas e nosos colegas da maioría dos países europeos”.
Salientan na declaración que as obras de escritores e tradutores “non son simples datos susceptibles de se converteren en algoritmos, son a base da nosa democracia, da nosa cultura, do noso coñecemento e ciencia, e deben ser tratados, valorados e remunerados como tales”. E engade que “un escritor ou tradutor inviste anos estudando, analizando e consultando centos de fontes para poder escribir ou traducir unha obra, un labor que hoxe en día non é recoñecido nin é remunerado”.
A modo de exemplo, o último informe da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) sobre a remuneración polo préstamo dos libros nas bibliotecas destaca que o Estado español é, xunto con Xeorxia, onde menos se remuneran escritores e tradutores por este uso das nosas obras.
“A esta situación”, explican, “temos que engadir unha realidade omnipresente: a implantación da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) e a necesidade, por parte das grandes plataformas e desenvolvedores, de usar unha ilimitada cantidade de obras, como os libros, os artigos publicados en diferentes medios e, en xeral, todos os materiais derivados da actividade profesional dos creadores literarios, foren escritores, tradutores ou dramaturgos”.
Sinalan tamén que “nos últimos anos, o desenvolvemento do IAX está a sentar as bases dunha nova forma de explotación das nosas creacións que afecta ao contrato social do conxunto da cidadanía, utilizando métodos e prácticas non suxeitas a ningún principio salvo o beneficio económico, nalgúns casos próximas ao saqueo masivo de contidos suxeitos á lexislación antes mencionada, cuxo uso e efectos no futuro non só ignoramos os autores, senón todos nós”. Por iso, exixen “que todos os sectores asuman a necesidade imprescindible dun firme compromiso de salvagardar os nosos intereses como creadores e respectar o produto do noso traballo, base fundamental do tecido cultural e da industria que o sustenta e da Lei de IA da Unión Europea, primeira normativa supraestatal que, aínda que xeito insuficiente por agora, comezou a contemplalo”.
Esta esixencia, apuntan, “non só vai dirixida ao sector privado e aos grandes operadores e desenvolvedores que actúan no espazo global de Internet, mais tamén, e dun xeito moi especial, ao sector público, para asegurar que o uso de obras literarias e xornalísticas, tanto para as probas da IAX como para a explotación posterior, se basee nas recomendacións feitas públicas polo Consello Europeo de Escritores (EWC) o pasado 27 de xullo”.
A declaración inclúe as seguintes peticións do colectivo:
1. Respecten, protexan e valoren os dereitos de autoría de escritores e tradutores como resultado do heroico traballo de escribir hoxe en día.
2. Recoñezan dunha vez unha remuneración acaída polos nosos dereitos de acordo co seu valor e o esforzo que investimos en xeralos.
3. Teñan en consideración as dez recomendacións que, en relación cos usos das obras literarias pola IAX, o Consello Europeo de Escritores aprobou e trasladou ao Parlamento Europeo.
Quen fai parte da Conferencia?
Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Associació d”Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Navarra de Escritoras – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Euskal Idazleen Elkartea (EIE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE) e Sociedad Cántabra de Escritores (SCE).
As asociacións de escritores suman forzas en defensa dos dereitos de autoría ante o auxe da IA xenerativa
Compartir Este Artigo

