
No acto de apertura celebrado este luns 21 de outubro no Palacio de Congresos, o reitor Antonio López agradeceulles aos organizadores do evento elixir a cidade de Santiago, cunha universidade con máis de 500 anos de historia e que está “adestrando e formando os profesionais do futuro”. Así, destacou o compromiso da USC coa investigación neste eido, a través de centros singulares coma o CiTIUS e a colaboración con organismos e institucións para desenvolver proxectos nos eidos da medicina personalizada, deseño de microelectrónica para semicondutores ou ferramentas de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega.

No acto tamén interviñeron o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Ignasi Belda; o director de Asuntos Gobernamentais da UE de Microsoft Corporation, Jeremy Rollison, e o director de Banca Institucional de Galicia de Santander España, Luis Pernas.
“Que esta prestixiosa conferencia volva a nosa terra é mostra da crecente relevancia desta Comunidade como punto de encontro para a ciencia e a innovación en Europa”, sinalou o conselleiro de Educación, subliñando o compromiso do Goberno galego a prol da IA, clave para o desenvolvemento da nosa terra: “Traballamos para situala como un eixo estratéxico do impulso económico, social e territorial da nosa Comunidade”.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco fixo especial fincapé no esforzo que está a realizar o Goberno de España para que o avance desta tecnoloxía sexa un auténtico desenvolvemento social, “de maneira que a revolución tecnolóxica que encarna a IA sexa posta ao servizo da cidadanía”. Nun plano máis concreto, destacou a posta en marcha na Coruña da sede da AESIA, que “fará de Galicia a capital europea deste tipo de tecnoloxías” e que levará a cabo “accións decisivas para establecer unha idónea regulación e investigación da IA”. Lembrou tamén a aprobación por parte do Goberno da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, que vertebra as súas accións neste eido. Con ela, “España fai todos os esforzos para xogar un papel clave a nivel internacional no desenvolvemento desta tecnoloxía”, en palabras do delegado.
Contra as noticias falsas
No relatorio inaugural, a profesora de Procesamento de Coñecemento Ubicuo da Universidade Técnica de Darmstadt en Alemaña, Iryna Gurevych, presentou o Missci, un novo modelo teórico de argumentación contra os razoamentos falaces para desmantelar as narrativas enganosas baseadas en interpretacións falsas de publicacións científicas e alertou de que a “desinformación supón unha ameaza crecente para a nosa sociedade que se estende moi rapidamente”, debido ao volume de información e á relevancia do seu contido.
A profesora Gurevych lembrou que as crenzas das persoas a miúdo non dependen da afirmación e o razoamento racional, “senón de contido crible que fai que a afirmación pareza máis confiable”, como publicacións científicas ou contido visual “que foi manipulado ou provén de contextos non relacionados”. Os seres humanos “tendemos a crer con máis facilidade a información que nos chega de forma visual, a través de imaxes”, engadiu.
Récord de relatorios e asistentes
Fontes da USC lembraron que a conferencia ECAI 2024 supón un evento de récord, tanto polo número de relatorios presentados, que supera o medio milleiro, como polo número de asistentes, arredor de 1.600, e relevancia dos seus contidos.
No encontro haberá espazo para analizar como a IA está reconfigurando diferentes sectores de actividade, examinando as previsións de crecemento económico, as tecnoloxías implicadas, as diferenzas entre países e rexións e o papel dos estados e a industria. Afondarase tamén no terreo das certezas e dúbidas sobre a posible aparición dunha economía baseada na IA, en particular o desemprego tecnolóxico e a deslocalización de postos de traballo, así como a concentración de riqueza e poder nunhas poucas empresas e países.
Tamén se abordará o deseño de políticas de investigación en IA éticas e confiables para Europa, que busca estimular un modelo de investigación e desenvolvemento de IA centrado no ser humano, e fiable desde todos os puntos de vista.
Os grandes desafíos da Intelixencia Artificial debátense en Santiago no marco da ECAI 2024
Compartir Este Artigo

