Este martes 22 de outubro entregáronse os galardóns da 2ª edición do certame de vídeos Vémolo Nós. Foi nun acto celebrado no Pazo de San Xerome (USC), no que interviñeron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e, no nome das persoas premiadas, Rocío Manteiga Souto. Acompañounos o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. O obxectivo do concurso, dirixido á comunidade universitaria, foi “promover a produción e a difusión de contidos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica”.
A interacción co medio rural, a vida na Universidade de Santiago e a lingua galega son os tres grandes temas que se abordan nos seis vídeos galardoados na segunda edición do certame Vémolo Nós, convocado pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Na categoría A, sobre divulgación do coñecemento, o primeiro premio nesta segunda edición foi para un vídeo realizado por Rocío Manteiga Souto, Falando de vacas, no que amosa como viven estes animais no rural galego e a grande importancia de darlles nomes, como factor que inflúe no seu benestar. O vídeo finalista nesta categoría é de Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, que elaboraron a peza A biotecnoloxía no rural galego, na cal expoñen unha serie de avances que se aplican na actualidade nese eido.
Obtivo o primeiro premio na categoría B, que ten como lema Descubrindo a USC, o vídeo Homenaxe a Carolina, de Iria Losada Rodríguez, dedicado á gata da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur compostelán. Foi finalista o vídeo Dende o SEPIU, de Cecilia Álvarez Corujo, David Marante Manteiga, Paula Martínez Collazo e Sara Rodríguez Ourille, unha peza na que presentan os membros do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) cunha estética inspirada nas películas de axentes secretos de mediados do século XX.
E na categoría C, co lema Protagonista: o galego, recibiu o primeiro premio Iker Fernández Villar polo seu audiovisual Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego, no que se mostra como este mozo e profesor se achega á cultura galega a través da lingua. Foi finalista o vídeo Falar galego é de balde de Irimia Pérez Sánchez e Manuel García Amado, no que recollen unha serie de ditos galegos apropiados para distintos situacións, como os populares Marcho que teño que marchar ou Chegar e encher.
Tanto o audio coma os textos que inclúen os audiovisuais están en lingua galega e cada unha das tres pezas galardoadas reciben como premio 1.500 euros, mentres que as finalistas obteñen 300 euros.
A USC entrega os premios do 2º certame Vémolo Nós
Compartir Este Artigo

