Dúas novas cabeceiras especializadas sumáronse recentemente a NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital da nosa comunidade. Riazor.org, centrado na información sobre o Real Club Deportivo da Coruña, e Campo Galego, xornal dixital sobre a actualidade do agro, foron os últimos en acadar o selo que garante que a súa información é froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do xornalismo.
Estes dous medios acompañan así ás cabeceiras La Alacena Roja, El Diario de Arteixo, Ecos da Comarca, Ferrol360, Galicia Confidencial, Galiciapress, GC, GCiencia, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital, O Tinteiro, Xornal da Mariña, Xornal da Coruña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede. En total, son vinte os medios galegos que forman parte de NRede, con representantes do mellor xornalismo dixital. As cabeceiras acreditadas non só cobren información desde as sete cidades galegas e numerosas comarca, senón que comprenden tamén numerosas temáticas, “nunha mostra que dá conta do variado do ecosistema mediático dixital galego”, en palabras do Colexio de Xornalistas.
Riazor.org e Campo Galego súmanse ao rexistro de medios dixitais galegos NRede
Compartir Este Artigo

