Esta semana celébranse na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín, organizadas polo Concello, as Xornadas Blanco Freijeiro 2024, cuxos fíos temáticos principais son a Intelixencia Artificial e as grandes transformacións tecnolóxicas da historia. As sesións desenvólvense durante toda a semana, ata o domingo 1 de decembro.
Como dixemos, as xornadas poñen o foco na Intelixencia Artificial, aínda non tanto na vertente tecnolóxica senón no gran cambio que se prevé vai xerar nas nosas vidas, na humanidade, e “que vai a deparar un futuro difícil de prever hoxe en día”, informou o Concello, engadindo que de xeito complementario estase a botar luz, nos diferentes relatorios, nas transformacións que xa se teñen producido na historia de Occidente, e que foron determinantes na xénese da sociedade actual.
O luns 25 foi a xornada de presentación das xornadas, coa inauguración do ciclo por parte da concelleira de Patrimonio. O martes 26 falouse de A chegada da escritura á Galicia castrexa: a revolución cultural da intelixencia romana, coa profesora titular de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ana María Suárez Piñeiro.
Este mércores 27 achegarase o relatorio Un xiro definitivo: a produción de alimentos, da man doo catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas Valcarcel.
O xoves 28 a charla versará sobre A grande e a pequena manobra: a Revolución Industrial de Lancashire a Marín, da man do catedrático emérito de Historia e Institucións Económicas da USC, Xoán Carmona Badía.
Finalmente, o venres 29 pechará o ciclo a conferencia da Intelixencia Artificial: un salto de fe ou o seguinte gran salto histórico?, coa profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Laura M. Castro Souto.
Ás 21.00 horas, a alcaldesa, María Ramallo, clausurará as xornadas e entregará os diplomas de asistencia. O domingo 1 organizarase entre as persoas asistentes unha visita ao Museo das Salgadeiras de Moreiras, no Grove.
A IA e as grandes revolucións da historia centran unhas xornadas en Marín
Compartir Este Artigo

