Os primeiros prototipos saídos da edición de 2023 do Hackathon Navantia Next Pioneers, organizado por Navantia xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) ao abeiro do Campus Industrial da UDC, están xa a funcionar na construción dos bloques das fragatas F110.
Este fito de industrialización foi precedido dun período de desenvolvemento no que participou o alumnado gañador do premio, que consistía nunha bolsa de formación para pór a idea en marcha no propio estaleiro.
O reto que se propoñía para solucionar en 24 horas consistía no desenvolvemento dun sistema de posicionamento e conexionado de servizos auxiliares para buques, que implicou substituír as actuais nodrizas de gases e de electricidade por un novo sistema modular, que permitise a conectividade e a sensórica e avanzase na estandarización e cunha montaxe rápida e intuitiva. O resultado son uns buques de aluminio, apilables, máis lixeiros, que aproveitan mellor o espazo, que son compatibles coa Fábrica Dixital de Bloques, que permiten a integración cos sistemas de Navantia, que aumentan a seguridade e, que grazas á estandarización, ofrecen plena compatibilidade entre bastidores, repostos comúns e materiais xa codificados no estaleiro.
O grupo de estudantes do Campus Industrial de Ferrol encargado do desenvolvemento do proxecto visitou recentemente as instalacións para ver como a súa idea se ten plasmado na realidade. María Caamaño, Andrea Fraga e Alejandro García estiveron acompañados polo seu titor no estaleiro, Iago Romero, así como por persoal de Navantia que os acompañou no reto do Hackathon e durante a súa bolsa de formación, e máis por representantes da Universidade da Coruña, incluíndo a Javier Porto, responsable de Servizos de Produción; José Bello, xefe de taller de Servizos de Produción; Luis López, responsable de Probas Eléctricas; Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e José Antonio Pérez, subdirector responsable de Calidade na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).
Construíronse tres unidades: unha de gases inertes, outra de gases de oxicorte e, na parte de electricidade, un cadro de subministro de 220V. Está en desenvolvemento, pero aínda non en fase de fabricación, o cadro de 380V. “Temos as primeiras unidades piloto que están funcionando, son operativas, están certificadas e dadas de alta no sistema de Navantia”, explica Javier Porto. O desenvolvemento continuará avanzando na sensórica, que suporá a implantación real no SIVAB (Sistema de Vixilancia Activa no Buque) na construción en grada. Está previsto para principios de 2025. “A observación e a práctica permitirá ademais ver como evolucionan estes prototipos de cara a construír unha versión máis industrializada que facilite a súa extensión a todo o estaleiro”, explicou a UDC.
Os tres estudantes da Universidade da Coruña que obtiveron esta bolsa de formación saíron de Navantia cun emprego e gozaron da súa volta ao estaleiro. Alejandro García, graduado en Enxeñaría Naval e Oceánica, destaca a súa estadía como “meses moi produtivos para a miña formación” nos que poder materializar a teoría que se estuda nas aulas. Andrea Fraga, graduada en Enxeñaría Mecánica, expresa a súa ledicia por ver a súa idea feita realidade. “É unha satisfacción. No ordenador estaba moi ben, pero velo feito e que funcione é xenial”. María Caamaño, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, subliña, como tamén o fan os seus compañeiros, o trato excelente en Navantia e a intensa aprendizaxe. “Ver o traballo que estivemos facendo é unha ledicia e sentímonos orgullosos de que sigan contando con nós”.
Comeza a funcionar no estaleiro de Ferrol o deseño gañador do Hackathon 2023
Compartir Este Artigo

