O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, contribuirá nos vindeiros anos á rede MicroNanoSpain, un proxecto para fortalecer o deseño e fabricación de chips e semicondutores no ámbito español e europeo. Máis polo miúdo e segundo informou a USC, instituto compostelán achegará os seus coñecementos e recursos no eido do deseño microelectrónico, sistemas de adquisición de datos, cálculo e computación.
Participarán 25 universidades e centros de investigación españois, xunto á industria dos semicondutores, co obxectivo de mellorar as capacidades, competencias e innovación deste sector, un ámbito de actividade “esencial para un amplo abano de necesidades na sociedade actual, e crítico pola dependencia de terceiros países que actualmente experimenta a Unión Europea”, engadiron fontes da USC reflectindo datos do IGFAE.
MicroNanoSpain acaba de obter oito millóns de euros por parte da Chips Joint Undertaking (Chips JU), unha entidade europea na que forman parte a Comisión Europea, os estados membros e a industria. O obxectivo desta liña de financiamento é desenvolver en cada país un Centro de Competencia en Deseño de Chips, para facilitar a contribución de empresas e centros de investigación a este sector.
O obxectivo é que a alianza construída arredor de MicroNanoSpain aglutine o coñecemento, capacidades e servizos para compartilo co tecido industrial do sector, desempeñando un papel fundamental no reforzo do ecosistema europeo de innovación no eido dos semicondutores.
O IGFAE conta, desde a súa creación, cun equipo de referencia en toda a cadea de produción de detectores semicondutores, derivada da súa presenza no deseño e construción de instrumentación para grandes instalacións internacionais, como o experimento LHCb do CERN. Neste marco, o persoal do Instituto conta con amplos coñecementos e capacidades no deseño microelectrónico e mecánico, a montaxe de compoñentes, os sistemas de adquisición de datos, verificación, cálculo e computación.
Segundo explicou a USC, “a presenza do IGFAE en MicroNanoSpain e outros consorcios verase ademais reforzada pola ampliación da sede do centro, que aumentará de xeito notable a superficie e os recursos destinados aos laboratorios experimentais e de instrumentación, clave para a proxección internacional do Instituto”.
O IGFAE intégrase na rede MicroNanoSpain para a fabricación de chips semicondutores
Compartir Este Artigo

