Nas páxinas do Diario Oficial de Galicia (DOG) dáse conta dos detalles do programa Investigo 2025, con máis de 4,8 millóns de euros de orzamento para apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
Cómpre subliñar que esta será a primeira vez que esta iniciativa se integre na nova Estratexia Mocidade Activa do Goberno galego para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova, que estará dotada con 20 millóns de euros.
Con esta medida quérese promover a contratación de entre 145 e 215 persoas segundo os módulos
salariais que se apliquen. A xeito de novidade nesta convocatoria de 2025, resérvase 1 millón de euros do orzamento para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.
Máis polo miúdo, co programa Investigo, a Administración autonómica apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en
I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), ou en calquera outra radicada en Galicia con estas características.
As contratacións formalizaranse na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais, de entre 16 e 30 anos, deben atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego no momento de comezar a relación contractual.
Indo aos ámbitos de traballo, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións referidas á sanidade e investigación.
A Xunta busca reter o talento da mocidade galega co programa Investigo 2025
Compartir Este Artigo

