Meta vén de presentar os seus resultados económicos relativos ao cuarto trimestre de 2024, no que fan balance do ano completo, o que serviu tamén para dar conta do pulo que está a ter Threads, servizo que pretendía acoller a usuarios descontentos con X, e que actualmente contaría con 320 millóns de usuarios activos ao mes, dos que máis de 100 millóns empregarían a plataforma social a diario.
Con estes datos temos que Threads se consolida a súa posición como alternativa a X, recortando distancia coa plataforma de Elon Musk, e afastándose moito doutras alternativas moito máis modestas: estímase que Bluesky ten 30 millóns de usuarios, mentres que Mastodon, pese a ter varios millóns de usuarios rexistrados, na práctica estaría preto do millón de usuarios activos.
Tampouco podemos esquecer que outras alternativas como T2/Pebble e Post News botaron o peche ante a imposibilidade de conseguir unha masa de usuarios tal que facilitase a súa viabilidade económica.
Volvendo a Threads, aínda que a plataforma non ten interese en converterse nun lugar para o debate da actualidade en tempo real, está a conseguir un crecemento sostido, conseguindo en pouco máis dun mes máis usuarios que Bluesky nos seus máis de 3 anos de vida. Tamén é salientable o feito de que están experimentar coa incorporación de publicidade, o que pode provocar rexeitamento para os usuarios, pero que pode verse como un signo de consolidación, xa que os ingresos publicitarios poden garantir a súa viabilidade a longo prazo.
Threads supera os 320 millóns de usuarios activos
Compartir Este Artigo

