O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, fixo este mércores 12 de febreiro un recoñecemento público ao equipo humano que integra o Centro de Xestión de Tráfico (CXT) do Noroeste-Cantábrico e que conseguiu desde a súa creación ser un referente en seguridade viaria, salientou, ao tempo que agradeceu o traballo dos 58 homes e mulleres que operan tanto nas instalacións da CXT localizadas na Coruña como no mantemento dos equipos tecnolóxicos situados nas estradas e que apoian a súa xestión. Estes e outros datos foron achegados polo delegado do Goberno dende a dita sede do CXT, onde supervisou o resultado das recentes obras de remodelación deste centro, destinadas a “a facelas máis operativas, amplas e mellor adaptadas ás necesidades da xestión viaria”.
Alí estivo acompañado polo subdirector xeral de Mobilidade e Tecnoloxía da DXT, Francisco José Ruiz; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a xefa provincial de Tráfico da Coruña, Vitoria Gómez; o xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco e o xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, Antonio Hidalgo. Durante a visita estiveron guiados polo director actual da CXT, Ramiro Martínez.
Na xuntanza, houbo tempo para salientar os principais avances do centro CXT en materia tecnolóxica, e tamén para avanzar futuras novidades. Nesta liña, o subdirector xeral da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Francisco José Ruiz, avanzou que a DXT habilitará novas ferramentas tecnolóxicas para facer monitoraxe da presenza de xabaríns, cervos ou outros animais nas estradas lanzando avisos aos condutores para previr accidentes como os acontecidos os días pasados, por exemplo o sinistro múltiple acontecido á altura de Cambre na AP-9. “Nas nosas cámaras de tráfico imos incorporar un sistema que permite detectar, entre outras cousas, se hai animais nas estradas principais”, sinalou, engadindo que a intención do Goberno central é poñer “todos os medios posibles e colaborando coa Xunta, que é quen ten a competencia, para evitar os tráxicos accidentes”. Apuntou tamén que nas zonas de entrada recorrente de animais estanse a instalar novas tecnoloxías para disuadilos de entrar nas estradas.
A DXT habilitará novas tecnoloxías para para controlar os xabarís e outros animais nas estradas
Compartir Este Artigo

