Un grupo de 24 estudantes de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (A Coruña) visitaron na mañá deste 18 de febreiro a oficina da compañía tecnolóxica Altia na Cidade das TIC, da Coruña, no marco da quinta edición do programa educativo Empresa Familiar nas Aulas, que promoven a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, a Obra Social de Abanca.
Manuel Saz, director da oficina de Altia na Cidade das TIC, foi o encargado de guiar aos estudantes no seu percorrido polas instalacións. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer ao equipo de profesionais e asistiu a unha presentación sobre os principais proxectos de dixitalización da compañía tecnolóxica e sobre a súa participación na Cidade das TIC.
“Este proxecto está deseñado para potenciar o sector TIC e o seu tecido empresarial, reforzando a nosa posición no mapa tecnolóxico e xerando oportunidades de colaboración e innovación”, sinalou Manuel Saz, engadindo que “a Cidade das TIC ofrece unha infraestrutura moderna e recursos que facilitan a colaboración entre empresas e entidades educativas, o que é fundamental para fomentar a innovación e o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas”.
A visita deste martes 18 compleméntase coa conferencia impartida o pasado 4 de febreiro por Jaime Saavedra, director da sede de Altia en Oleiros, nas instalacións do centro educativo de Culleredo. Na charla, Saavedra explicou aos estudantes a historia e actividade da empresa, como compañía creadora de solucións dixitais, e o seu propósito de medrar “facendo crecer aos seus clientes de forma sostible, grazas ao talento de 4.000 profesionais en máis de 25 localizacións de 9 países”.
Jaime Saavedra destacou na súa exposición, ademais, o valor que achegan as empresas familiares da contorna no tecido económico e a relevancia do sector TIC e da formación. “É importante que as novas xeracións coñezan o papel vertebrador das empresas familiares, con vocación de crecemento e continuidade como Altia, na que un dos seus fundadores, Constantino Fernández, segue sendo hoxe o seu presidente, 30 anos despois”, subliñou o directivo, engadindo que “a compañía continúa medrando cos mesmos valores e propósito, impulsando o cambio dixital dos seus clientes”.
Estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo visitan a oficina de Altia na Cidade das TIC
Compartir Este Artigo

