A sede do CITIC da UDC (Campus de Elviña) acolleu esta semana a presentación da 3ª edición de AddVenture, programa de emprendemento e innovación promovido polos Consellos Sociais das universidades da Coruña e Santiago (USC). Presentouse no marco do almorzo de traballo Innovación no sector inmobiliario: a aposta de PhotoIlike pola IA e o emprendemento. Púxose o foco no fortalecemento experimentado para esta terceira convocatoria, ao sumarse o apoio da USC nunha iniciativa impulsada dende 2021 polo Consello Social da UDC. O obxectivo é chegar a máis persoas que “queiran dar un impulso real á súa idea de negocio”.
Ao encontro asistiron representantes dos vicerreitorados de ambas universidades, responsables de transferencia do coñecemento, centros de investigación e do ecosistema emprendedor galego co obxectivo de fortalecer a conexión entre a universidade, a empresa e a innovación. No encontro interviñeron o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; a directora de Procesos de Innovacción e Emprendemento en Corporacións en TeamLabs, Irati Lekue, e o co-fundador e responsable de investigación de PhotoIlike, Juan Jesús Romero Cardalda, que tamén é investigador do CITIC.
Segundo explicaron, trátase da primeira vez que os Consellos Sociais de ambas universidades suman esforzos nesta iniciativa para “ampliar o seu impacto e reforzar o seu compromiso coa formación práctica para graduados, licenciados, egresados, postgraduados e profesionais que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio”.
Desde 2021, AddVenture capacitou a máis de 50 persoas emprendedoras e máis de 20 proxectos, consolidándose como referente na formación para o emprendemento en Galicia.
Este programa de emprendemento e innovación é gratuíto e está financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e a USC.
Está dirixido a graduados, licenciados, egresados e postgraduados universitarios, microempresas e profesionais que queiran lanzar ou facer crecer o seu negocio cun enfoque práctico e estratéxico. Ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións en liña en directo e encontros puntuais presenciais (hackaton e peche) para facilitar a aprendizaxe e a interacción con expertos.
Consiste nun curso práctico e de aplicación directa no propio proxecto utilizando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN (Liderazgo Emprendedor e Innovación), realizado por TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. AddVenture combina formación, mentoring e networking para que os participantes poidan validar a súa idea, mellorar a súa estratexia e desenvolver as súas competencias en liderado, vendas e dixitalización.
As inscricións estarán abertas ata o 28 de marzo. Están dispoñibles 30 prazas. Outorgaranse ás diferentes candidaturas previa entrevista co comité de selección, que valorará o background académico e profesional da candidatura; ademais, terase en conta a nota media do expediente académico.
O CITIC acolle a presentación do programa AddVenture da UDC e USC
Compartir Este Artigo

