O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo director da AMTEGA, Julián Cerviño, presentou hoxe a adaptación do curso Celga 2 en liña á lectura fácil para facer accesible o coñecemento da lingua a toda a sociedade. Trátase dunha ferramenta que estará dispoñible no Portal da Lingua Galega que, a través desta actualización, permite a autoformación con contidos e información accesible a persoas con discapacidades cognitivas que queiran acadar a certificación no idioma galego.
No acto, celebrado na seda da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que este proxecto “permite achegar a nosa lingua a todas as persoas independentemente do lugar onde residan ou das súas condicións”. Deste xeito, puxo en valor que estes cursos son un soporte moi útil e moi demandado por todos aqueles que están a preparar os exames para acadar esta certificación, que actualmente conta cun total de 8.483 matriculados.
No marco desta iniciativa, o secretario xeral da Lingua incidiu en que esta ferramenta de aprendizaxe compleméntase con 50 cursos titorizados que incrementaron o número de matriculados respecto ao ano anterior, pasando de 930 persoas ata as 1.400. Ademais, agradeceu a colaboración da Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia polo seu apoio formativo e de asesoramento.
Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, destacou que o desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas, como as relacionadas coa intelixencia artificial xenerativa, sitúan á lingua nun lugar central da transformación que están a experimentar as sociedades. Neste sentido, salientou o Proxecto Nós, que desenvolve recursos abertos e gratuítos para garantir a incorporación do galego ás aplicacións baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe.
O curso Celga 2 en liña adáptase a persoas con discapacidade cognitiva
Compartir Este Artigo
