Entre as actividades convocadas pola Xunta para celebrar o Día do Libro figurou a estrea da terceira tempada do podcast literario Entreliñas. Trátase dunha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas.
Este primeiro programa, presentado por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, contou co testemuño das recoñecidas escritoras Fina Casalderrey e Ledicia Costas. Ambas falan sobre as súas experiencias traballando no eido da literatura infantil e xuvenil. Por unha banda, Casalderrey, con máis de medio cento de títulos e unha ampla traxectoria, foi nomeada simultaneamente ao Premio Hans Christian Andersen e ao Premio Astrid Lindgren, os recoñecementos máis importantes deste xénero. Pola outra, Costas afonda na súa obra Feriópolis pola que foi recoñecida co galardón Barco de Vapor 2025.
No marco da literatura para os lectores máis mozos interviñeron Daniel Landesa, Miguel Vázquez Freire e Tensi Xesteira que xuntos volveron dar vida á revista Critauras. Trátase dunha publicación que naceu en 2014 e que agora retoman con temáticas relacionadas cos libros, a lectura e o ámbito bibliotecario.
Ademais, tamén se presenta a nova ruta da biblioteca móbil que impulsa a Xunta e que, como novidade desde xaneiro, está a percorrer a zona occidental da provincia de Ourense. Durante o programa interveu Remedios Cid, a encargada de facer esta nova ruta xunto con varios lectores que enxalzan o labor deste servizo tanto para o lecer como para o achegamento da cultura ás zonas rurais que non contan con centros de préstamo preto.
Entreliñas, que pode escoitarse a través das plataformas Spotify e Ivoox, contará con oito capítulos que se irán estreando mes a mes e cos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca achegar ao público o mundo do libro e da lectura, así como as actividades e os servizos que pon a disposición da cidadanía.
Estréase a 3ª tempada do podcast literario Entreliñas
Compartir Este Artigo

