O Concello da Coruña continúa a reforzar as políticas de apoio á empregabilidade cunha ampla programación de accións formativas para primeiro semestre de 2025, que se desenvolverán en distintos barrios da cidade. Esta iniciativa, que inclúe formación en informática básica e en mercadotecnia dixital, enmárcase dentro do compromiso do Goberno de Inés Rey de fomentar o acceso á formación de calidade como ferramenta clave para a inserción laboral.
Tal e como sinalou a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, “apostamos por unha formación de proximidade, adaptada ás necesidades reais do mercado de traballo, para que as persoas melloren as súas competencias profesionais e incrementen as súas oportunidades de acceso a un emprego digno”.
Dentro desta ampla oferta, destacan os cursos de capacitación dixital básica, de 30 horas, orientados á mellora das competencias informáticas básicas e á procura de emprego en Internet e redes sociais. Estes cursos, que inclúen tamén asesoramento para a elaboración ou mellora do currículo, realizaranse no Centro Veciñal do Birloque, con catro edicións de 15 prazas cada unha.
A programación complétase con accións formativas en carretillas elevadoras (60 horas), hostalería (Programa Éfeso Coruña), atención sociosanitaria, mercadotecnia dixital, competencias clave e preparación para o emprego, destinadas a persoas desempregadas ou en situación de mellora de emprego.
As prazas son limitadas e a inscrición permanece aberta a través do Servizo Municipal de Emprego. Toda a programación pode consultarse tamén nos centros cívicos municipais.
A Coruña ofrece novas accións de capacitación dixital para a veciñanza
Compartir Este Artigo

