A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación fixo gala esta semana do talento do seu alumnado nunha nova edición dos LPRO Days, un evento concibido a modo de feira tecnolóxica no que cada ano danse a coñecer os proxectos impulsados e materializados polas/os estudantes que está a piques de titularse. En total, o alumnado da Escola deu a coñecer 13 proxectos tecnolóxicos desenvolvidos por 66 estudantes baixo a atenta mirada dun equipo de 17 docentes.
Cada proxecto contou cun posto onde foi exposto o prototipo desenvolvido e no que os autores deron detalles do seu funcionamento. Este xoves atenderon ao público na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e este venres a cita será no Verbum: pola mañá para visitas de alumnado de ensino secundario e, xa pola tarde, aberto ao conxunto da cidadanía, con visita do alcalde, Abel Caballero, e entrega de premios aos mellores traballos da man de varias empresas e institución da rede conexionTeleco: Marine Instruments, Optare Solutions, Quobis, Gradiant e CTAG.
Como cada ano os proxectos abordan unha gran variedade de temáticas, pero, segundo informou a Escola de Telecomunicación, na edición deste ano constatouse o uso cada vez maior da Intelixencia Artificial, algo que xa se viña producindo desde hai uns anos.
Un dos traballos que máis chamou a atención entre os visitantes foi Vía Plus, un sistema de detección en tempo real de fochancas en estradas mediante sensores, un sistema dotado dun servidor que amosa nun mapa a súa localización xunto cunha fotografía. “Enviaremos informes ás entidades responsables para que sexan conscientes da gravidade e realicen as reparacións con rapidez”, explican os autores, ao que engaden que o seu obxectivo é “mellorar a seguridade viaria e evitar calquera tipo de dano”.
Outro dos traballos foi Lossn’t, un dispositivo baseado na tecnoloxía RFID dirixido a que o usuario ou usuaria poida localizar os seus obxectos persoais (maletas, mochilas, maletíns…). “Mediante unha aplicación poderá saber se o obxecto, ao que previamente engadiu un adhesivo RFID, está entrando ou saíndo do radio de acción do dispositivo”, comentou o equipo responsable do enxeño.
Outras propostas destacadas foron ASCi, un proxecto orientado á adaptación de ascensores para a inclusión de persoas con mobilidade reducida mediante a sensórica e o uso dunha aplicación móbil; Hestia, orientado a potenciar a autonomía das persoas maiores e ofrecer tranquilidade ás súas familias, mediante recoñecemento de obxectos, detección en tempo real de caídas, xestos para solicitar axuda e integración con altofalantes intelixentes; ou Save Step, un sistema de asistencia para persoas invidentes.
Entre os proxectos mostrados tamén figuraba Robotopo, deseñado para actuar a modo de ponte de comunicacións entre persoas atrapadas baixo cascallos e equipos de rescate durante emerxencias, ou Acusafe, un sistema de detección temperá de afogamentos que emprega cámaras térmicas e procesado de imaxe para identificar persoas en perigo.
A xornada no Verbum inclúe, a partir das 18.00 horas, o acto de clausura e entrega de premios. A apertura do acto correrá a cargo da directora da escola, Rebeca P. Díaz, e contará coa participación do alcalde Abel Caballero, e o director de atlanTTic, Martín Llamas, así como os representantes das empresas, que serán os encargado de repartir os galardóns.
Enxeñaría de Telecomunicación presume nos LPRO Days de 13 proxectos creados polo alumnado
Compartir Este Artigo

