The Wall Street Journal recolle nun artigo que moitos dos primeiros compradores de Apple Vision Pro, un dispositivo de realidade mixta que custaba a partir de 3.500 dólares nos EE.UU. (e de 4 mil euros en Europa), aseguran agora que se arrepinten da compra. A promesa inicial de vivir unha experiencia tecnolóxica revolucionaria foi eclipsada por problemas prácticos: o peso excesivo, a escaseza de aplicacións e a incomodidade social ao usalo en público.
Dustin Fox, axente inmobiliario de Virxinia, só utilizou o visor catro veces. «É demasiado pesado, faime dano no pescozo», di. Agora repousa nunha caixa con outros trebellos esquecidos. O mesmo lle ocorre a Tovia Goldstein, que non o toca desde hai catro meses: «Precisas sacalo despois dunha hora, e tardo tres minutos só en conectalo».
O analista Anshel Sag tentou empregalo nos avións, pero os comentarios incómodos dos pasaxeiros e o tamaño do estoxo disuadírono. Anthony Racaniello tentou usalo no traballo e durante voos longos, pero só conseguiu miradas estrañas e ser ignorado polas azafatas. Vendeuno por 1.900 dólares, moi por debaixo do prezo inicial.
Aínda que Apple non revelou cantas unidades vendeu, informes sinalan a dificultade para atraer desenvolvedores que creen aplicacións para o dispositivo. A ilusión do lanzamento esvaeceuse co paso dos meses.
Só algúns, como o youtubeiro israelí Yam Olisker, seguen defendendo o produto. Comprouno o primeiro día, coñeceu a Tim Cook e conseguiu que lle asinara a caixa. Usa o visor para ver filmes 3D mentres está deitado, evitando así o problema do peso. Aínda así, admite que o utiliza moito menos do esperado.
En resumo, o Vision Pro deixou tras de si unha mestura de frustración, entusiasmo contido e a sensación xeneralizada de que chegou antes de tempo, confiando moitos en que o produto poida atopar o seu lugar cando se venda a un prezo máis accesible.
Apple Vision Pro segue lonxe de cumprir expectativas
Compartir Este Artigo
