
A distinción ten a súa orixe na posta en marcha este curso (no Colexio Manuel Peleteiro) do Plan de Benestar Dixital: Saúde, convivencia e desenvolvemento persoal, coa colaboración da Asociación de Madres y Padres de Alumnos (AMPAP) e do profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC), Antonio Rial Boubeta. Segundo o director do centro de ensino, Luis Peleteiro, o uso das pantallas na infancia e na adolescencia é un tema que ven suscitando unha crecente preocupación social a diferentes niveis, dado o impacto que pode ter tanto a nivel de saúde (física e mental), como de convivencia e desenrolo persoal. “O acceso temperán aos dispositivos dixitais e ás redes sociais, o seu uso frecuente, intensivo e sen supervisión, deu lugar a novas formas de adicción que segundo a propia OMS constitúen xa un serio problema de saúde pública”, sinala.
Esta problemática non pasou desapercibida nin para a dirección do Colexio Manuel Peleteiro nin para a súa AMPAP. Máis alá dos logros alcanzados a nivel académico, que o levan a situarse ano tras ano como o mellor colexio de España segundo a clasificación de El Mundo, ou a dispoñer do selo de Excelencia EFQM, os seus responsables amósanse convencidos de que a día de hoxe aspirar á excelencia implica necesariamente a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, para o que deseñaron esta iniciativa innovadora e pioneira en Galicia.


Desde o seu inicio no mes de outubro, impartíronse diferentes cursos e charlas-coloquio a cargo da responsable do Plan Dixital Familiar da Asociación Española de Pediatría, María Salmerón; do psiquiatra e IP do programa YAM para a prevención do suicidio, Alejandro García; do profesor da Universitat de les Illes Balears Lluís Ballester; ou do coordinador do programa TEI, Javier Pérez; entre outras.
O director do Colexio, Luis Peleteiro, recollerá o galardón na XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
O Colexio Manuel Peleteiro recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG
Compartir Este Artigo

