O proxecto Formación Dixital, posto en marcha pola AMTEGA o pasado mes de outubro, acumula xa máis de 500.000 horas de formación impartidas e supera os 2.000 participantes. O curso, completamente en liña, de balde e con titorización individual, está pensado tamén como preparación para a obtención da Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix).
A iniciativa está dirixida a máis de 45.000 persoas co obxectivo de fomentar a alfabetización dixital da sociedade galega, enmarcándose dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030. Pretende dotar a cidadanía das habilidades necesarias para manexarse con seguridade no entorno dixital.
O curso, de nivel intermedio, mantén as inscricións abertas vía web e ten unha duración máxima de 8 semanas. Durante ese tempo, o alumnado conta con contidos teóricos e exercicios prácticos guiados dun xeito accesible e acompañado.
Aprendizaxe flexible e acompañada
Cada participante pode avanzar ao seu ritmo, grazas a unha metodoloxía de aprendizaxe guiada. A formación inclúe sesións de acompañamento simultáneas con especialistas, nas que se abordan dúbidas e retos do proceso. A experiencia formativa, estruturada en contidos e actividades, está pensada para resultar atractiva e dinámica.
A estrutura do curso inclúe un test inicial de autodiagnóstico, unha avaliación final e cinco módulos principais: consulta e xestión da información dixital, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, benestar dixital (seguridade e protección) e contorna dixital e resolución de problemas.
Ao rematar, os participantes recibirán un diploma acreditativo da Xunta cunha equivalencia de 250 horas e 10 ECTS.
A formación é totalmente gratuíta para o alumnado, grazas ao financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation da Unión Europea.
