O Tribunal de Comercio Internacional dos Estados Unidos declarou ilegais os aranceis impostos pola Administración Trump contra importacións procedentes de Canadá, México, China e outros países, ao considerar que o presidente excedeu a autoridade conferida pola Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA). A sentenza, emitida por unanimidade, supón un duro golpe ás políticas comerciais da Casa Branca e marca un fito na interpretación constitucional da separación de poderes.
O caso xulgado agrupa dúas accións xudiciais promovidas por varias empresas afectadas e doce estados, entre eles Oregón, Nova York e Arizona, que denunciaron que os aranceis impostos ao abeiro de supostas emerxencias nacionais carecían de base legal. Os xuíces concluíron que a IEEPA non outorga ao presidente autoridade para establecer aranceis de forma ilimitada e que o uso desta norma para xustificar medidas comerciais permanentes vulnera a prerrogativa exclusiva do Congreso en materia fiscal e de comercio exterior.
Segundo a resolución, os denominados «aranceis por tráfico ilícito» (que afectaban produtos de Canadá, México e China) e os «aranceis mundiais e recíprocos» (aplicados a importacións de todo o mundo con taxas de ata o 50 %) non só carecían de límites razoables, senón que ademais non gardaban relación directa coas supostas ameazas alegadas polo Executivo.
«O feito de que o presidente declare unha emerxencia nacional non o autoriza a reescribir as táboas arancelarias a vontade propia», recolle a sentenza, que tamén subliña que IEEPA só permite medidas fronte a ameazas «inusuais e extraordinarias» e para fins directamente relacionados con esas ameazas.
A decisión supón a anulación inmediata dos decretos executivos correspondentes e a prohibición permanente da súa aplicación, o que representa unha vitoria para os demandantes e un chamamento á contención presidencial no uso das facultades de emerxencia. Os xuíces recordan que «a autoridade executiva non pode substituír o proceso lexislativo nin apropiarse das competencias do poder lexislativo baixo pretextos de urxencia».
A Casa Branca recorreu o fallo ante o Tribunal de Apelacións (reactivando os aranceis de xeito provisorio), coa posibilidade de rematar no Tribunal Supremo, onde hai unha maioría de xuíces conservadores, polo que aínda é difícil concluír se rematou a tirapuxa que está a provocar unha grande inseguridade nos mercados e, moi concretamente, nos produtos de electrónica de consumo, onde os aranceis poden ter un impacto global.
Declaran ilegais os aranceis que pretende impor Trump
Compartir Este Artigo
