
Parello ao certame, este xoves 12 de xuño, a partir das 16:30 na Biblioteca Concepción Arenal, haberá unha xornada de formación na que hai que inscribirse previamente na ligazón habilitada.
Os obxectivos da segunda edición desta quedada son promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia e fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa orientada á promoción da lingua galega e da cultura. Teranse en conta as edicións feitas dende o 1 de xuño de 2025 ata o 20 de setembro.
O certame consiste en editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Esas edicións deben realizarse como persoas usuarias rexistradas na Galipedia, para que as contribucións individuais de cada participante sexan doadas de identificar. Antes do 20 de setembro, deben presentarse estas edicións ao concurso tal e como se establece na convocatoria.
Os artigos deberán encadrarse en calquera das cinco seguintes áreas de coñecemento: Psicoloxía, Matemáticas; Enxeñarías Química, Ambiental e Informática, Intelixencia Artificial; Enfermaría, e Patrimonio Cultural galego. Unha mesma persoa autora poderá presentar a concurso artigos vinculados a unha ou a varias áreas de coñecemento. Concederanse dez premios, dous por área de coñecemento, de tal xeito que en cada eido haberá un primeiro galardón de 350 euros e un segundo de 150.
O prazo para inscribirnos no Concurso de Edición da Galipedia estará aberto ata o día 20
Compartir Este Artigo

