A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, participou este venres 13 de xuño no acto de entrega dos carnés de ciberexpert@ no CEIP As Gándaras (Lugo), acompañada polo formador da Policía Nacional Rubén Darío Veiga. Un total de 50 alumnos e alumnas de 6º de Primaria recibiron este recoñecemento tras completar o programa.
O acto de entrega serviu para facer balance do curso 2024-25, no que 450 escolares de Lugo recibiron formación en ciberseguridad grazas ao programa Ciberexpert@, desenvolvido pola Policía Nacional en colaboración coa Subdelegación do Goberno. A iniciativa chegou os dez centros da cidade: CEIP As Gándaras, CPR Salesianos, CPR A Inmaculada, CEIP Paradai, CPR Franciscanos, CEIP A Ponte, CPR Cervantes, CEIP Sacro Corazón, CEIP Albeiros e CPR Divino Mestre.
“A seguridade dixital da nenez e a mocidade é un reto colectivo, e desde o Goberno de España apostamos por formar ás novas xeracións no uso seguro da Internet e das redes sociais”, destacou Isabel Rodríguez, quen agradeceu o compromiso dos centros participantes e do equipo da Policía Nacional que desenvolveu o programa.
Segundo fixo saber, ao longo de catro sesións en cada grupo, os axentes traballaron co alumnado cuestións como a navegación segura, a xestión da privacidade en liña e fóra da Rede, o uso responsable das redes sociais e a prevención fronte aos riscos das Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC).
“Este programa demostra que a prevención e a formación son as mellores ferramentas para protexer á infancia na contorna dixital”, sinalou a subdelegada. “As familias, o profesorado e, sobre todo, o alumnado, transmítennos o seu interese por seguir aprendendo sobre ciberseguridade. Esa resposta é a mellor motivación para continuar con esta iniciativa o próximo curso”, engadiu.
A xornada deste venres pecha un curso no que a educación en valores e competencia dixitais tivo un papel protagonista nas aulas lucenses, da man dunha iniciativa que busca dar ferramentas aos menores fronte aos desafíos do mundo dixital.
Até 450 escolares de Lugo recibiron o carné de ciberexpert@
Compartir Este Artigo

