Aínda que a maioría das empresas a nivel mundial recoñece o potencial dos ordenadores con capacidades de intelixencia artificial, a súa implantación xeneralizada está atopando diversos atrancos. Segundo un estudo encargado por Intel a máis de 5.000 responsables empresariais e tecnolóxicos de 23 países, aínda que o 87 % das organizacións están a implantar ou planean implantar ordenadores con IA, persisten serios desafíos que frean o proceso.
Un dos principais obstáculos é a preocupación pola seguridade. O 33 % das empresas que aínda non deron o paso sinalan o risco de exposición de datos como a súa maior inquietude. Esta percepción varía segundo o país: mentres en Xapón ou Brasil as cifras superan o 60 %, en Alemaña ou Tailandia as preocupacións son menores, o que revela un descoñecemento xeneralizado das vantaxes en materia de protección de datos que ofrecen estes equipos. De feito, os ordenadores con IA permiten executar tarefas localmente, sen necesidade de enviar datos á nube, o que reduce significativamente os riscos de filtración ou incumprimento normativo.
Outro factor importante é o custo. Un terzo dos non adoptantes sinala tanto o investimento inicial como os custos recorrentes como barreiras destacadas. Porén, segundo Intel, esta visión non contempla o elevado retorno do investimento (ata un 213 % en tres anos segundo un estudo de Forrester), nin o aforro en mantemento, xa que os equipos con plataforma Intel vPro poden reducir nun 65 % o tempo dedicado á xestión de dispositivos e ata nun 90 % as visitas técnicas presenciais.
Ademais, a fenda de coñecementos sobre IA dentro das empresas tamén está a condicionar a adopción. Só o 35 % dos empregados teñen unha comprensión clara do valor desta tecnoloxía, fronte ao 51 % dos membros da dirección. Esta diferenza reforza a necesidade de formación continua. O 95 % dos consultados coinciden en que os empregados precisan algún tipo de adestramento, e case a metade considera que debe ser intensivo. Porén, só un terzo das organizacións conta cun programa formativo sostido no tempo.
Intel subliña que, para aproveitar plenamente os beneficios dos ordenadores con IA, é clave combinar o investimento tecnolóxico cunha estratexia de capacitación progresiva. E engade que, alén de mellorar a produtividade, estes equipos poden ser decisivos para acelerar a innovación, mellorar a retención de clientes e habilitar novas fontes de ingresos.
A preocupación pola seguridade e a formación frean a adopción da IA nas empresas
Compartir Este Artigo
