ElevenLabs presentou hoxe Eleven Music, unha ferramenta que marca un novo chanzo na súa aposta por converterse na plataforma de audio con intelixencia artificial máis completa do mundo. A novidade permite que calquera usuario, sexa creador, artista ou empresa, poida xerar música con calidade de estudio a partir de simples indicacións en linguaxe natural coa garantía de non vulnerar os dereitos de propiedade intelectual (do que acusan a plataformas semellantes como Suno e Udio).
A proposta de Eleven Music destaca pola liberdade creativa que ofrece: permite escoller o xénero, o estilo, a estrutura da canción e decidir se incluír ou non voces, así como elixir entre múltiples idiomas (aínda que a pronuncia en galego ten moito que mellorar). Ademais, é posible editar tanto as letras como o son de partes concretas da canción ou da composición enteira.
Eleven Music foi desenvolvido en colaboración con selos discográficos, editoras e artistas, o que permite que a música xerada estea habilitada para a maioría dos usos comerciais, incluíndo cine, televisión, podcasting, vídeos para redes sociais, publicidade e videoxogos.
A ferramenta xa está dispoñible na web de ElevenLabs e a compañía avanzou que pronto integrará o servizo na súa plataforma de IA conversacional, así como mediante unha API pública.
Vídeo promocional de Eleven Music
