Un total de 70 empregados públicos participan desde hoxe na cuarta edición do Curso superior en protección de datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal.
A sesión inaugural contou coa presenza da directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; do director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, e do xefe da subárea de seguridade da Axencia e director da acción formativa, Gustavo Herva Iglesias.
Rodríguez-Campos puxo en valor a ampla acollida desta edición e subliñou que o avance tecnolóxico no eido da Administración pública «ten que ir acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da Administración electrónica e da sociedade da información». Engadiu tamén que «ante o desenvolvemento da Administración dixital é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas e os coñecementos necesarios para salvagardar os datos persoais que se almacenan e transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía e preservar a confianza nas nosas institucións».
A directora da EGAP recalcou que entre os obxectivos da Xunta «é mellorar a seguridade para minimizar os posibles incidentes neste eido, garantir a confidencialidade da información e asegurar a continuidade do servizos prestados». Por iso, afirmou que «faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica». Engadiu ademais que este curso «é unha mostra máis do esforzo e o compromiso por parte da Escola por ofrecer unha formación anual completa, actualizada e de calidade naquelas materias de relevancia para o persoal empregado público mediante cursos e accións formativas en relación co eido dixital».
Pola súa parte, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, destacou que «os datos deben usarse para mellorar a calidade de vida das persoas, pero, en todos os casos, teñen que ser xestionados dende a responsabilidade, a seguridade, a garantía de confidencialidade e dende o coñecemento de toda a información normativa e legal». Sinalou igualmente que «o éxito de anteriores edicións e a demanda rexistrada este ano, no que se volveron a completar con creces as 70 prazas, indican que o persoal empregado público de Galicia afronta este reto con esa responsabilidade necesaria».
Na sesión inaugural, Elena Davara e Laura Davara impartiron unha clase maxistral centrada nas claves para cumprir a normativa de protección de datos e o seu impacto nas redes sociais. Tamén interveu Víctor Salgado Seguín cun relatorio sobre protección de datos e intelixencia artificial.
Esta cuarta edición do curso, que se prolongará ata o 10 de decembro e conta cun total de 118 horas de duración, ofrece formación dende unha perspectiva técnico-xurídica e práctica. Trátase dunha actividade de modalidade mixta (presencial, telepresenza e teleformación) que busca concienciar sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos, promover boas prácticas de acordo coa normativa vixente, garantir o respecto aos dereitos das persoas interesadas e preparar ao persoal para a correcta xestión de posibles incidencias.
O programa inclúe contidos como os principios básicos de seguridade, as medidas que deben implantarse nos sistemas de información segundo o Regulamento Xeral de Protección de Datos e o Esquema Nacional de Seguridade, así como unha visión global das funcións e responsabilidades das persoas que manexan datos personais e do labor das autoridades de control.
Entre os temas que se tratarán figuran a responsabilidade da Administración pública no tratamento de datos, os dereitos da cidadanía, o réxime sancionador, a protección de datos en ámbitos como a saúde, os menores ou a propia Xunta, a garantía dos dereitos dixitais, a intelixencia artificial aplicada ás Administracións públicas e a videovixilancia, entre outros.
A Xunta reforza a formación dos empregados públicos en protección de datos
Compartir Este Artigo
