O investigador de seguridade Alexander Hanff, coñecido como That Privacy Guy, asegura que Google Chrome está a descargar de maneira silenciosa un modelo de intelixencia artificial de preto de 4 GB nos equipos dos usuarios sen unha solicitude explícita de consentimento. O ficheiro, denominado weights.bin, correspondería aos pesos do modelo Gemini Nano, empregado por Google para executar funcións de IA localmente no navegador.
Segundo a análise publicada por Hanff, o ficheiro instálase no directorio interno OptGuideOnDeviceModel cando Chrome detecta que o equipo cumpre determinados requisitos de hardware, como dispoñer de polo menos 16 GB de memoria RAM ou máis de 4 GB de VRAM. O investigador sostén que o proceso se realiza en segundo plano e sen mostrar avisos claros ao usuario sobre o tamaño da descarga ou o espazo que ocupará no disco.
Hanff afirma ter verificado o comportamento nun perfil novo de Chrome en macOS mediante os rexistros do sistema de ficheiros de Apple, que documentan a creación do directorio e a descarga do modelo durante unha sesión sen interacción humana. Segundo os seus datos, o proceso completo prolongouse durante uns catorce minutos. Tamén indica que Chrome analiza previamente as características do hardware para decidir se o dispositivo é apto para recibir o modelo.
O investigador considera que esta práctica podería vulnerar a normativa europea, citando a Directiva ePrivacy e diferentes disposicións do RGPD relacionadas coa transparencia, o consentimento e a minimización de datos. Tamén critica que o navegador volva descargar automaticamente o modelo se o usuario elimina manualmente o ficheiro, salvo que desactive determinadas opcións experimentais ou funcións de IA do navegador.
Google respondeu posteriormente ás críticas nun comunicado remitido a Android Authority. A compañía de Mountain View asegura que Gemini Nano leva dispoñible en Chrome desde 2024 e que o modelo serve para ofrecer funcións de seguridade e ferramentas de IA sen enviar información á nube. Google tamén sostén que o modelo pode eliminarse automaticamente se o equipo queda sen recursos suficientes e que desde febreiro incorporou unha opción na configuración de Chrome para desactivar e borrar o modelo descargado.
Android Authority subliña que o ficheiro non é spyware nin un malware, senón un modelo local pensado precisamente para mellorar a privacidade ao procesar certas funcións directamente no dispositivo. O medio recoñece, porén, que a ausencia de avisos claros e a descarga automática de varios gigabytes sen intervención do usuario explican o malestar xerado entre moitos usuarios, especialmente en equipos con pouco espazo de almacenamento ou conexións limitadas.
Malestar polo feito de que Chrome descargue sen permito un modelo de IA
Compartir Este Artigo
