A Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña presentou os días pasados un novo sistema de pantallas de difusión de información dirixido ao estudantado, instalado nos principais edificios dedicados á atención deste colectivo: a Casa do Estudantado, o Centro Universitario de Riazor (CUR), a Residencia Universitaria Elvira Bao e a Biblioteca Universitaria Xoana Capdevielle.
Estas pantallas ofrecerán información actualizada e de interese para o alumnado, facilitando o acceso aos principais servizos, recursos e oportunidades da universidade.
Entre os contidos que se difundirán destaca o acceso ao panel de información desenvolvido pola Unidade de Análise e Xestión de Datos da UDC, unha ferramenta que reúne de forma visual e dinámica información relevante para a comunidade estudantil.
Ademais, as pantallas incorporarán avisos sobre convocatorias de axudas, bolsas, premios, programas e outras iniciativas promovidas pola vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade, contribuíndo a mellorar a comunicación directa co estudantado e a favorecer un acceso máis sinxelo á información de interese.
No acto tamén se presentou o novo Observatorio INSLAB, unha plataforma do Observatorio Ocupacional da UDC que ofrece información interactiva sobre a inserción laboral das persoas tituladas da Universidade da Coruña. A ferramenta permite consultar indicadores e datos de empregabilidade de maneira intuitiva, reforzando o compromiso da UDC coa transparencia e coa orientación académica e profesional do seu estudantado.
Con estas iniciativas, a vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade quere avanzar “na modernización dos seus servizos e na mellora dos canais de comunicación co estudantado, facilitando un acceso inmediato á información e poñendo á súa disposición ferramentas que contribúen tanto á súa vida universitaria como á planificación do seu futuro profesional”.
A UDC impulsa novos espazos dixitais de información e presenta o Observatorio INSLAB
Compartir Este Artigo
