
No ano no que se graduou a primeira promoción de tituladas e titulados da Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE), a institución académica promovida desde Galicia por Abanca e Afundación comezará a impartir un novo grao, o de Enfermería, e senllos mestrados universitarios en Ciberseguridade e Psicoloxía Xeral Sanitaria.
A UIE recibiu a preceptiva autorización por parte do Consello Galego de Universidades para que así sexa, nunha reunión que contou coa representación do reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, e o secretario xeral da UIE, Pedro Otero.
O Máster Universitario en Ciberseguridade e o Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria incorpóranse á oferta de posgrao da UIE nos ámbitos tecnolóxico e sanitario.
O máster en Ciberseguridade, incluído na listaxe oficial do programa CyberHEAD de ENISA (a Axencia Europea de Ciberseguridade), forma especialistas en protección de datos, xestión de riscos e resposta ante incidentes, un perfil profesional de crecente demanda en organizacións públicas e privadas.
Coincidindo con este impulso académico, a UIE estreará na Coruña un novo edificio anexo ao seu campus actual, con case 1.500 metros cadrados dotados de laboratorios equipados coa última tecnoloxía e aulas de primeiro nivel. As novas instalacións reforzarán a capacidade docente e de investigación da universidade e darán soporte ao crecemento da súa oferta académica, en especial ás titulacións do ámbito da saúde e a tecnoloxía.
En palabras do reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, a aprobación destas tres titulacións “confirma a solidez do proxecto académico da universidade en Galicia e o seu compromiso cunha formación de calidade, práctica e conectada coas necesidades reais do tecido social e empresarial galego”.
O novo Grao en Enfermería súmase a unha oferta académica da que xa formaban parte os de Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, Psicoloxía, Enxeñería da Empresa, Dereito e o Dobre grao en Dereito e Administración de Negocios Dixitais.
