
Nos últimos meses non cesan os incrementos de prezo dos produtos de electrónica de consumo propiciados principalmente pola escaseza de memoria provocada pola emerxencia da intelixencia artificial. E o último fabricante en comunicar esta práctica é Xiaomi, aínda que non está a facer tal recoñecemento a nivel internacional, senón que polo momento limita o anuncio ao Xapón, onde asegura que sobe os prezos nalgúns dos seus produtos debido ao incremento dos custos, especialmente polo encarecemento da memoria.

A filial xaponesa explica que mantivo os prezos ata agora absorbendo internamente parte do aumento dos custos, pero considera que a situación actual xa non permite continuar con esa política. Por iso, recomenda aos clientes que estean pensando en adquirir algún produto que valoren facelo antes da revisión de prezos.
Como exemplos da suba de prezos temos como o Xiaomi 17T Pro pasa de 119.800 a 139.800 iens ou o Poco X8 Pro Max pasa de 79.980 a 99,980 iens, ou sexa, que os prezos chegan a incrementarse ata un 25 %, algo que tamén estaría a acontecer nos mercados europeos, onde cada vez é máis difícil atopar móbiles económicos.

