
A Xunta de Galicia apoia o labor dos centros tecnolóxicos galegos para dar visibilidade, contribuír á competitividade e impulsar a internacionalización da I+D+i galega. O Consello vén de dar luz verde ao convenio de colaboración bianual entre a Axencia Galega de Innovación e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) para fomentar a transferencia de coñecemento e contribuír á innovación do tecido empresarial galego. O importe total deste convenio, vixente en 2026 e 2027, ascende a 321.000 euros, dos que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, achega 210.000 euros e Atiga, 111.110 euros.
Os centros tecnolóxicos galegos son axentes clave para a innovación empresarial e a modernización de sectores punteiros da economía galega. A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) está integrada por AIMEN, Anfaco-CYTMA, CETIM, CTAG, Gradiant e ITG, centros cunha ampla actividade innovadora que desempeñan un papel fundamental no avance e na internacionalización da I+D+i galega.
A Xunta de Galicia traballa con estes organismos para situar o ecosistema innovador galego nunha posición destacada no ámbito europeo. A través deste convenio activarase a presenza de Atiga en redes tecnolóxicas europeas e fomentarase a participación de empresas galegas en proxectos dese ámbito. A colaboración persegue tamén a difusión de tecnoloxías emerxentes e do potencial dos propios centros tecnolóxicos para contribuír á innovación do tecido empresarial, tendo en conta o seu papel como vector de transformación das pemes a través da innovación. Actualmente contan cunha carteira de clientes de máis de 2.000 empresas.
O convenio busca, ademais, fortalecer a especialización dos centros tecnolóxicos en liña coas principais tendencias europeas, mellorar o seu posicionamento e financiamento nos ámbitos nacional e internacional e identificar oportunidades conxuntas de actuación. Só en 2025, os centros tecnolóxicos conseguiron captar 49 millóns de euros para I+D+i a través de convocatorias autonómicas e nacionais e de fondos europeos.
Colaboración desde 2015
A colaboración entre a Axencia Galega de Innovación e Atiga para fomentar a transferencia e a internacionalización da I+D+i desenvolvida en Galicia mantense desde 2015. O convenio que agora se asina é o sétimo e o apoio da Xunta á alianza dos centros tecnolóxicos galegos ao longo destes anos ascende a un total de 1.306.330 euros.
Os centros tecnolóxicos integrados en Atiga acadan cada ano un importante impacto económico e contribúen tamén ao desenvolvemento social, ao dar emprego a preto de 1.900 persoas de 36 nacionalidades e participar en máis de 500 proxectos de I+D+i anuais.

