
A BlizzCon 2026, cita que non se celebraba dende 2023, deixou varias das principais novidades de Blizzard para os vindeiros anos, cun regreso de StarCraft convertido nun shooter de mundo aberto, o anuncio de Diablo V e novos contidos para Warcraft, Overwatch, Hearthstone e Heroes of the Storm.
StarCraft regresará en 2030 cunha proposta afastada do xénero de estratexia que marcou a franquía. Blizzard prepara un shooter de mundo aberto ambientado no universo da saga, presentado durante a cerimonia inaugural da BlizzCon mediante un primeiro vídeo cinematográfico.

O anuncio máis importante para os seguidores de Diablo apunta aínda máis lonxe. Diablo V chegará na primavera de 2029 e partirá dunha situación inédita na serie: Sanctuary foi derrotada e Diablo gañou. A nova entrega explorará as consecuencias da caída deste mundo e o que queda despois da vitoria do Señor do Terror.

Antes diso, Diablo IV celebrará o 30 aniversario da franquía coa tempada Season of Hell’s Legacy, que estará dispoñible desde o 15 de setembro. O contido recuperará os Prime Evils, incluído Diablo, ademais de Deckard Cain, Nightmare Rifts, recompensas de aniversario e equipamento inspirado nas distintas épocas da saga. A primeira metade de 2027 traerá tamén unha nova clase, a Amazon, especializada no combate con xavelina.

Overwatch, que cumpre dez anos, prepara a quinta tempada coa incorporación de Doctrine, un novo heroe de apoio inspirado nos vampiros e capaz de utilizar drons con forma de morcego para drenar vida. A actualización incluirá ademais revisións de Sombra e Roadhog e o novo mapa Watchpoint: Grimsvotn. A tempada pechará a historia The Reign of Talon, o primeiro arco narrativo de duración anual do xogo.
A franquía Warcraft tamén recibiu anuncios de diferente natureza. World of Warcraft avanzará coa actualización Eclipse (12.2), que continúa The Worldsoul Saga, mentres Blizzard mostrou novos detalles de The Last Titan, capítulo final desta historia que se desenvolverá despois dos acontecementos actuais.

A sorpresa chegou con Warcraft III: Reforged, que recibe por primeira vez en máis de 23 anos unha nova campaña. The Forsaken Kingdom recupera a caída de Lordaeron e a súa transformación na Cidade Baixa dos Renegados. O contido chega acompañado da actualización 3.0, que introduce unha importante revisión gráfica e un Editor do Mundo renovado. A campaña xa está dispoñible e Warcraft III: Reforged forma parte de Xbox Game Pass, polo que os subscritores só precisan adquirir o DLC para acceder a ela.
World of Warcraft: Forever ofrecerá ademais unha terceira maneira de xogar, diferenciada das versións Modern e Classic. Ambientada na época de Vanilla, engadirá tres novas zonas, máis de 1.000 misións, nove alxubes, dúas bandas e unha nova raza, os Skyborne. A versión beta comezará o 17 de setembro e o lanzamento está previsto para o 4 de novembro.

Hearthstone tamén ampliará os seus sistemas con Journal, unha interface renovada que reunirá misións, logros e eventos e os organizará segundo a historia de cada expansión. Reign of the Black Empire chegará o 20 de outubro e levará o xogo á época máis antiga de Azeroth, antes do encarceramento dos Old Gods. A expansión introducirá a palabra clave Assemble, que permite combinar dúas cartas para crear outra máis poderosa.
Os Battlegrounds recibirán o 22 de setembro un novo tipo de esbirro, Aberrations, relacionado coa corrupción dos Old Gods. Máis adiante, en marzo de 2027, Hearthstone incorporará o Monxe como primeira nova clase xogable en seis anos.
Heroes of the Storm tamén continúa recibindo contido. Xal’atath converterase nun novo heroe do xogo o 28 de setembro, cunha versión dispoñible previamente no PTR desde o 14 de setembro.
Blizzard ampliará finalmente o universo de Diablo máis alá dos videoxogos cunha serie de animación ambientada na franquía que está en desenvolvemento para Netflix.

