
Esta semana Inditex puxo en marcha un portal de código aberto que reúne os proxectos de software libre publicados por Inditex Tech, con acceso aos repositorios de código e explicacións sobre as súas funcións. A iniciativa busca facilitar que outros desenvolvedores coñezan, utilicen e melloren ferramentas creadas polos equipos tecnolóxicos do grupo téxtil.
O catálogo abrangue áreas como a intelixencia artificial, a infraestrutura, Kubernetes, as ferramentas de desenvolvemento, a automatización, as interfaces web, a colaboración, as bases de datos, as API e a mensaxaría. Os proxectos están dispoñibles a través do portal Inditex Tech Open Source, que tamén recolle os principios e as condicións de participación na comunidade.

Entre os desenvolvementos destacados figura Weave.js, unha biblioteca para crear aplicacións de colaboración en tempo real, como encerados dixitais e editores de diagramas baseados en HTML5 Canvas. Tamén está Kumoss, unha ferramenta de xestión de infraestrutura baseada en intelixencia artificial que aplica boas prácticas e medidas de seguridade, así como Cerbia, unha biblioteca para detectar ameazas en fluxos de traballo de intelixencia artificial e modelos de linguaxe de gran tamaño (LLM).

Tamén K8s Overcommit Operator, un operador de Kubernetes destinado a xestionar o sobrecompromiso de recursos asignados aos pods, e varias ferramentas baseadas no protocolo MCP (Model Context Protocol). Entre elas están MCP Teams Server, que permite aos axentes de intelixencia artificial ler e crear mensaxes en Microsoft Teams, responder en conversas e mencionar membros, e MCP iOS Simulator Server, que facilita o control e a inspección de simuladores de iOS mediante instrucións en linguaxe natural.
A publicación do código forma parte da estratexia de Inditex Tech para contribuír ao ecosistema do software libre e de código aberto. O grupo defende a reutilización de solucións existentes, a participación nas comunidades das que depende e a publicación de ferramentas propias cando poden resultar útiles fóra da organización.
Os proxectos pasan por unha revisión previa á súa publicación para comprobar que cumpren os criterios de calidade, licenzas e seguridade. A actividade está coordinada pola Open Source Office (OSO) de Inditex, que tamén establece as directrices para comunicar vulnerabilidades, presentar cambios e colaborar nos repositorios.

