
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña participou na XXVII edición de Ciencia en Acción, un certame internacional de divulgación científica que ten como obxectivo achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade mediante experimentos, demostracións e actividades participativas.
O encontro celebrouse en Donostia (San Sebastián) do 23 ao 25 de outubro e reuniu proxectos científicos de distintos ámbitos para fomentar o interese pola investigación e espertar vocacións científicas.

Neste marco, a investigadora do CITIC Adriana Dapena presentou CitasTIC: Investigar en IA, unha proposta divulgativa que integrou tres proxectos de investigación relacionados coa intelixencia artificial: Robótica Cognitiva, IA para o Recoñecemento de Melodías e IA contra o Odio. A través de xogos e actividades participativas, a iniciativa permitiu mostrar como estas tecnoloxías teñen aplicación en diferentes ámbitos e poden contribuír a abordar retos tecnolóxicos e sociais.
Máis polo miúdo, o proxecto Robótica Cognitiva mostrou como os sistemas robóticos poden aprender, adaptarse á súa contorna e responder a situacións cambiantes. Entre as súas aplicacións destaca “o recoñecemento de obxectos para facilitar a clasificación de residuos destinados á reciclaxe, un exemplo de como a intelixencia artificial pode contribuír a afrontar retos cotiáns”, informou a investigadora do CITIC.

Pola súa banda, IA para o Recoñecemento de Melodías achegou ao público as posibilidades da intelixencia artificial aplicada á análise musical. Mediante o procesamento de sinais sonoros e a identificación de patróns, estes sistemas poden recoñecer estruturas musicais. Na actividade mostrouse a súa aplicación ao recoñecemento de cancións tradicionais galegas, conectando a innovación tecnolóxica coa cultura e o patrimonio musical.
A terceira iniciativa, IA contra o Odio, abordou o uso da intelixencia artificial para analizar contidos e identificar expresións de odio. “Esta liña de investigación cobra especial relevancia ante o volume de información que circula pola Internet e a necesidade de desenvolver ferramentas que contribúan a detectar mensaxes potencialmente daniñas nas contornas dixitais”, lembrou a investigadora.
Ciencia en Acción é un certame internacional que promove a divulgación da ciencia e da tecnoloxía mediante propostas educativas, experimentos, demostracións e actividades participativas. O seu obxectivo é espertar a curiosidade científica, fomentar as vocacións investigadoras e facilitar que a cidadanía se achegue ao coñecemento científico dunha forma amena e doada de comprender.
A XXVII edición celebrouse no Kursaal de Donostia, no marco da Semana da Innovación, WeekINN, organizada por Fomento de San Sebastián. Durante tres días, o encontro reuniu máis de 300 participantes de diferentes comunidades autónomas, así como de Portugal e Ecuador, que presentaron os seus proxectos ante o público.
A programación incluíu obradoiros, xogos e experiencias interactivas, ademais da presentación dos proxectos seleccionados e da entrega de premios en diferentes categorías. Ao remate do certame, anunciouse que Burgos será a sede da próxima edición, prevista para 2027.

