
O Clúster TIC Galicia participa unha edición máis no programa Que non te líen, ti elixes desenvolvido polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta. O obxectivo desta iniciativa é aumentar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o TIC (siglas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación), contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Para isto, un total de 13 mulleres profesionais de nove empresas socias desprazaranse durante o mes de novembro a distintos centros educativos da Coruña, Pontevedra e Lugo para ofrecer charlas didácticas e promover debates entre o alumnado de 3º e 4º da ESO, impulsando “unha elección profesional libre de prexuízos de xénero”, segundo informou o Clúster.
Trátase de mulleres referentes de éxito no ámbito das Tecnoloxías da Información, onde a presenza feminina é máis reducida, de forma que poidan servir de exemplo ás novas xeracións: Dulce Mª González (Cinfo), Lucía Martínez (Cinfo), María Xosé Saborido (Dinahosting), Natalia García (R), Yudani Riobó (Quobis), Tamara Cutrín (Teimas), Jessica Penela (Aldaba), Irene González (NTT DATA), Miriam Breijo (NTT DATA), Jennifer Dubra (NTT DATA), Lluvia Mª Montero (Grupo Femxa) e Sandra Ameijeiras (Dos Espacios).
Ademais, dende o ano pasado o programa tamén inclúe contidos relacionados coa presenza de homes en empregos considerados tradicionalmente feminizados, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero, tanto masculino como feminino, nas diferentes ocupacións.
Compromiso sostido
Esta é a sétima edición de Que non te líen, ti elixes na que participa o Clúster TIC Galicia, reforzando o seu apoio a unha iniciativa que nesta convocatoria chegará a un centenar de centros de educación secundaria de toda a nosa comunidade.
A través de accións como esta, a entidade continúa achegando a realidade do sector tecnolóxico ás aulas, “dando visibilidade a referentes femininos e contribuíndo a que cada estudante poida decidir o seu futuro profesional libre de estereotipos de xénero”.

