
O Consello da Xunta aprobou a modificación do Decreto 123/2021, do 2 de setembro, que regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega ComDix. Un dos principais cambios permitirá que o alumnado que obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria antes de cumprir os 16 anos poida acceder a esta acreditación, algo que ata agora impedía a normativa ao establecer esa idade como requisito mínimo.
A reforma tamén elimina a obriga de acreditar un nivel de aptitude para poder obter o seguinte. Deste xeito, os interesados poderán presentarse directamente ás probas correspondentes ao nivel que se axuste aos seus coñecementos, seguindo un procedemento similar ao das certificacións de lingua galega Celga.
O primeiro nivel do ComDix seguirá acreditando o conxunto das áreas de dominio competencial, mentres que nos niveis superiores poderán establecerse certificacións específicas por áreas ou mesmo por competencias concretas. Os contidos tamén poderán adaptarse aos diferentes colectivos destinatarios.
O decreto actualizado aclara as vías para conseguir a certificación, que inclúen tanto as probas coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) como os cursos con aproveitamento activo e avaliación continua, incorporados ao sistema despois da aprobación da normativa inicial.
Outra das modificacións afecta á vixencia dos certificados, establecida en cinco anos. Cando se produza a caducidade, a AMTEGA poderá ampliar de oficio a validez da acreditación, sen que os titulares teñan que realizar ningún trámite, sempre que os coñecementos certificados non experimentasen cambios relevantes. A renovación tamén poderá solicitarse desde os seis meses anteriores á data de vencemento, fronte ao sistema actual, que só permite iniciar o procedemento durante os seis meses posteriores.
Os certificados continuarán expedíndose exclusivamente en formato dixital. Ademais da emisión de oficio, os interesados poderán solicitar directamente á AMTEGA o documento acreditativo. A reforma incorpora tamén unha actualización da composición do comité especializado encargado de definir o Marco galego de competencias dixitais, co fin de adaptalo á estrutura actual da Xunta.
O ComDix acredita oficialmente os coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para utilizar as tecnoloxías dixitais nos ámbitos persoal, social, educativo e profesional. O modelo segue o Marco europeo de competencias dixitais DigComp e avalía 21 competencias distribuídas en cinco grandes áreas. Actualmente contempla dous niveis de aptitude: iniciación e intermedio.

