
A XIX edición de Culturgal reunirá no Pazo da Cultura de Pontevedra a máis de 800 artistas e creadores en 200 espectáculos e actividades para todas as idades. A Feira das Culturas Galegas celebrarase do 26 ao 29 de novembro. Ademais dos espectáculos, contará con 100 postos; 10 galerías de arte; sete escenarios cunha programación continua; 12 espectáculos para público familiar; seis concertos; 25 actividades literarias, actividades de videoxogos e de audiovisuais
“O programa de Culturgal 2026 demostra como a feira foi medrando nestes últimos anos e como os distintos sectores da cultura galega foron ampliando a súa maneira de participar en Culturgal”, manifestou esta mañá o director do Culturgal, Camilo Franco, nunha presentación na que tamén interviron Jacobo Sutil, director de AGADIC; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; e Víctor López, presidente de Culturgal.
O cartaz deste ano é do deseñador gráfico Fausto Isorna e, segundo indicaron, pretende evocar “a curiosidade da xente á que lle gusta a cultura, cunha mirada feminina pola maior presenza das mulleres nas actividades culturais”.
Programa

As actividades no auditorio do Pazo da Cultura serán de xoves a domingo, abrindo o xoves co musical As Cigarreiras, un espectáculo total de música, baile e teatro, coa Banda Municipal da Coruña, Cantigas da Terra, e o grupo Santaia (21:00 horas, entrada libre con invitación).
O venres 27, Á espera do baleiro, unha peza de danza contemporánea, coprodución da compañía galega iXa, a Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego, dependente de AGADIC. Esta función vai ser, ademais dunha estrea en Galicia, unha homenaxe ao coreógrafo desta peza, Xián Martínez, falecido moi recentemente aos 30 anos de idade (21:00 horas, entrada libre con invitación).
O sábado 28, tamén no auditorio do pazo, concerto das bandas gañadoras dos premios Martín Códax da música de Galicia, que a partir de Culturgal inicirán unha xira por Galicia. As bandas participantes serán Abril, Allo Negro, Lidia India e Michu da Rocha, coa presentación de Serxio Zearreta.
Culturgal terá o venres unha tarde de lembranza para Narf polo seu décimo cabodano, reunindo a un dos seus grupos, Os Quenindiola, e a Satélite Salitre.
“En letras temos 25 actividades e podemos salientar a Festa dos Clubes de Lectura, que volverá reunir en Culturgal a integrantes de máis de 30 clubes de toda Galicia con autores como María Peinado, Carlos Lixó e Pedro Feijóo”, manifestou Camilo Franco.
Destaca tamén a estrea do novo poemario de Antón Reixa, que estará na feira con Nuno Pico, de Grande Amore. Outra das novidades será a presentación do libro conxunto de Rosa Aneiros con Miguelanxo Prado.
Como nos últimos anos, a feira acolle a primeira actividade do Día das Letras Galegas, que vai estar adicado a Xosé Neira Vilas, cunha combinación de letras e música con Cándido Pazó e o Ensamble Liberdade.
Audiovisual e videoxogos
En audiovisual, Culturgal vai facer en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual un maratón de curtas producidas en Galicia durante este ano, e proxectaranse tamén unha boa parte dos traballos documentais producidos en Galicia no 2026.
Haberá un pase restrinxido de Kiro, o documental sobre a artista galega Ana Kiro; a presentación de Planeta Pampín, con Pili Pampín, de Voz Audiovisual, e tamén a presentación da nova serie de ficción da TVG, Clínica Mirando.
No sector dos videoxogos, Culturgal terá este ano O barrio dos videoxogos, no que se agruparán os colectivos do sector e, ademais das actividades para xogar, celebrarase un encontro sobre as game jam que se celebran en Galicia.
Culturgal terá o sábado pola tarde unha sesión de Cantos de Taberna e o domingo, tamén como unha tradición da feira, o Vén e baila, unha cita que convida a todo o mundo a bailar.

