
A Xunta de Galicia detectou máis de 4.300 incidentes de ciberseguridade durante 2025 grazas aos servizos de protección que presta ás deputacións e aos concellos galegos, tal e como destacou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, durante a inauguración da sexta edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebra ata o venres no auditorio do edificio Fontán da Cidade da Cultura.
Rey sinalou que as Administracións públicas son o sector máis exposto aos ciberataques. Segundo os datos da Axencia da Unión Europea para a Ciberseguridade (ENISA), un de cada tres incidentes analizados en 2025 afectou a entidades públicas e, dentro deste grupo, o 33 % dos ataques dirixiuse contra concellos.
«A Xunta dedica unha parte importante dos seus esforzos en ciberseguridade a dar servizo a concellos e deputacións», afirmou o responsable da AMTEGA. Os servizos autonómicos reforzan directamente a seguridade das catro deputacións provinciais e dos 23 concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Outros 100 municipios tamén se benefician destas prestacións a través das respectivas deputacións.

O incremento dos servizos dixitais das Administracións obrigará a reforzar estes mecanismos de protección nos próximos anos. Rey apuntou especialmente á universalización da Administración dixital, á implantación de servizos proactivos e á creación de espazos de datos como o Nodo de Información Cidadá, iniciativas que esixirán maiores garantías para protexer a información persoal.
A primeira xornada de CIBER.gal centrouse na ciberseguridade das Administracións públicas. O encontro reúne durante tres días preto de medio centenar de expertos e esgotou por primeira vez todas as prazas de asistencia presencial. A programación continuará mañá cunha sesión dedicada á seguridade dixital nas empresas e rematará o venres cunha xornada sobre protección e concienciación cidadá, que incluirá a final do concurso infantil Ciberseguridade no cole!.

