
A aplicación de edición de vídeo de Instagram, Edits, chega a macOS completamente de balde, facilitando así a creación de proxectos máis complexos mediante unha pantalla de maior tamaño e o uso do rato e do teclado, evidenciando que Apple non foi quen de atender a necesidade deste tipo de ferramentas (de feito, abandonaron a aplicación móbil Clips o ano pasado, e iMovie está a recibir un nivel de soporte mínimo).
A nova versión incorpora unha liña de tempo multipista que permite traballar con varias gravacións de maneira simultánea, ademais de ferramentas para axustar con precisión os cortes, sincronizar o vídeo coa música e controlar as formas de onda do son. Tamén admite fotogramas clave para crear transicións dinámicas e inclúe rodas de cor, conversións de formato logarítmico e curvas para a corrección cromática.

Edits para macOS mantén boa parte das ferramentas dispoñibles na aplicación móbil. Os usuarios poden acceder ás bibliotecas de música con licenza e audio libre de dereitos de Instagram, centos de efectos de son e vídeo e subtítulos automáticos ilimitados con compatibilidade con varios idiomas. Os estilos de texto e audio gardados na versión móbil tamén están dispoñibles no escritorio.

O editor permite importar ficheiros LUT e tipografías propias, así como configurar atallos de teclado personalizados ou trasladar os empregados noutros programas de edición. Ademais, ofrece integración con axentes de intelixencia artificial mediante MCP (Model Context Protocol), de maneira que estes poidan interactuar co editor e colaborar nos proxectos.

A publicación dos vídeos tamén se pode realizar directamente desde a aplicación para macOS, sen necesidade de trasladar os ficheiros ao teléfono. A integración con Instagram permite empregar funcións nativas como o etiquetado, a xeolocalización e os Reels de proba. Para compartir contidos noutras plataformas, Edits admite diferentes relacións de aspecto e exportación en resolución 4K sen marca de auga.
Instagram prevé publicar actualizacións semanais e traballa xa na posibilidade de editar un mesmo proxecto de maneira continuada entre o ordenador e o móbil.

