
A Deputación de Lugo entregou os diplomas aos empregados públicos que participaron nas accións formativas desenvolvidas durante o primeiro semestre do ano no marco do Plan Agrupado de Formación Continua 2026. Os cursos chegaron a profesionais de 31 concellos da provincia, ademais de persoal da propia institución provincial, e sumaron en total 350 persoas participantes e 245 horas de formación en liña.
“Esta edición rexistrou unha maior participación que en anos anteriores, cun incremento no número de empregados públicos que tomaron parte nas accións formativas”, explicaron dende a Deputación, engadindo que neste intre está na recta final a formación do segundo semestre. En total, uns 1.100 empregados da administración local actualizaron os seus coñecementos este ano, en materias tan diversas como a contratación pública, a intelixencia artificial, a xestión local, a normativa ambiental e a ciberseguridade, entre outras.
A entrega de diplomas realizada hoxe contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela López, e do deputado de Formación, Miguel Fernández.
López agradeceu aos traballadores a súa implicación e compromiso coa aprendizaxe permanente. Durante a súa intervención, destacou a importancia de contar con persoal preparado e actualizado para mellorar a atención á cidadanía e avanzar cara a unhas administracións locais máis eficaces.
Durante o primeiro semestre, entre as entidades con maior participación estiveron a propia Deputación, con 89 persoas, e o Concello de Lugo, con 43.
Os sete cursos celebrados no primeiro semestre trataron sobre cuestións directamente relacionadas co traballo diario das administracións locais, como a contratación pública, o procedemento administrativo común, a atención á cidadanía, a resolución de conflitos laborais e a protección do medio ambiente.
Tamén se incorporaron contidos sobre ciberseguridade nas contornas laborais e aplicacións da intelixencia artificial á xestión local, “dous ámbitos que están a adquirir un papel cada vez máis relevante na transformación das administracións públicas”, salientou a presidenta provincial, quen incidiu “na necesidade de acompañar a incorporación das novas tecnoloxías coa capacitación dos profesionais que as utilizan”. Engadiu que a Deputación conta cunha estratexia de intelixencia artificial propia, MencIA, coa que a institución aposta por incorporar ferramentas que permitan simplificar procedementos, optimizar recursos e ofrecer servizos máis eficientes.
O Plan Agrupado de Formación Continua 2026 contempla un total de 20 cursos e está dirixido aos 5.114 empregados públicos das administracións locais da provincia. A oferta abrangue diferentes categorías profesionais e inclúe formación en materias xurídicas e administrativas, responsabilidade social e medioambiental, novas tecnoloxías, atención á cidadanía e innovación nas organizacións.
“A modalidade en liña permite que os profesionais de toda a provincia poidan acceder aos contidos sen necesidade de desprazarse”, salientaron dende a Deputación.

