
Gradiant, centro tecnolóxico galego, presentou hoxe os resultados do proxecto europeo IcareWounds, unha iniciativa liderada polo centro vigués e na que participa o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), orientada a mellorar a eficiencia e a sustentabilidade do tratamento das feridas crónicas mediante ferramentas dixitais e intelixencia artificial.
O encontro, celebrado en Vigo, reuniu a representantes do ecosistema europeo de innovación sanitaria para compartir os avances do proxecto e analizar as oportunidades e os retos que expón a aplicación da intelixencia artificial na práctica clínica.
IcareWounds desenvolve e valida un modelo de atención integrada que busca ofrecer “unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente ás persoas con feridas crónicas”, segundo explicaron, engadindo que a día de hoxe 27 profesionais sanitarios de Galicia, Irlanda e Portugal están a poñela a proba.
Entre as capacidades da solución atópanse a análise dos tecidos presentes en cada ferida, a recomendación de opcións de tratamento baseadas en guías clínicas internacionais e o seguimento da evolución das lesións. A plataforma tamén “facilita a xestión de citas e a elaboración de recomendacións de coidado integral dirixidas a pacientes e coidadores”.
Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, encargado da apertura da xornada, sinalou que “a colaboración entre tecnoloxía, práctica clínica e industria é clave no desenvolvemento de solucións dixitais adaptadas ás necesidades reais do sistema sanitario. A experiencia de IcareWounds pon de relevo a importancia de implicar aos profesionais e usuarios finais no deseño e validación destas ferramentas para favorecer a súa aceptación e facilitar a súa incorporación aos procesos asistenciais”.

Na súa intervención, Shaila Calvo, responsable de eHealth e Biotech en Gradiant destacou que “lcareWounds contempla unha plataforma dixital que operacionaliza un novo modelo de coidado integral de feridas crónicas. Esta plataforma facilita a integración da información relevante en pacientes con feridas crónicas e o seguimento da súa evolución e inclúe un sistema de apoio á toma de decisións clínicas baseado en intelixencia artificial, para orientar as decisións sobre o tratamento local das feridas”.
O evento finalizou coa mesa redonda Da tecnoloxía á práctica clínica: mellora do manexo de feridas, moderada por Ángela Freiría, responsable de proxectos europeos en Gradiant e na que participaron Jiri Musto, postdoutoral researcher en LUT University; Alejandra Castaños, responsable de proxectos e investigación no Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia; Rini Bhatnagar, post-doutoral research fellow en University College Dublin e Sandamini Wanigasooriya, researcher en University College Dublin.
Jiri Musto centrou a súa intervención na adopción do modelo asistencial de IcareWounds “Para que os profesionais sanitarios adopten unha plataforma baseada en intelixencia artificial, é importante que poidan confiar nesta tecnoloxía e, ao mesmo tempo, manter a súa autonomía na toma de decisións clínicas, xa que a IA debe ser unha ferramenta de apoio, non un substituto. No caso dos pacientes, é fundamental que teñan claro quen asume a responsabilidade se algo sae mal”.
Pola súa banda, Alejandra Castaños insistiu na importancia do proceso de co-creación: “Demostrounos que as mellores solucións dixitais constrúense cos usuarios, non só para os usuarios”.
Rini Bhatnagar indicou que “a través de IcareWounds desenvolvemos un modelo transferible de atención integrada e centrada no paciente, que combina a experiencia clínica, a tecnoloxía dixital e ferramentas de apoio á toma de decisións baseadas en intelixencia artificial. O obxectivo é ofrecer unha atención coherente, coordinada e de alta calidade, mellorar os resultados en saúde e contribuír a elevar a calidade de vida das persoas que conviven con feridas crónicas”.
Para finalizar, Sandamini Wanigasooriya, sinalou que “para que as solucións de atención sanitaria baseadas en intelixencia artificial poidan implantarse con éxito, é fundamental facilitar a posta en marcha de estudos piloto, implicar a todos os axentes relevantes e coñecer o grao de preparación dixital das organizacións sanitarias. Estes aspectos son clave para identificar necesidades, valorar as condicións de adopción e favorecer que a innovación tecnolóxica poida trasladarse á práctica asistencial”.
A xornada combinou a perspectiva tecnolóxica coa experiencia clínica e asistencial, poñendo o foco na colaboración entre centros tecnolóxicos, institucións sanitarias e socios europeos para trasladar a innovación a contornas reais de atención.
