
A entrega de novembro do portal Proxector, proposta elaborada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega, co apoio da USC, achégase ao solo e á figura dun dos seus estudosos máis recoñecidos, o científico galego Francisco Díaz-Fierros. Baixo o título O solo: un mundo por descubrir baixo os nosos pés unha ducia de recursos audiovisuais permiten achegarse ao coñecemento científico dos solos e á súa importancia para a vida e o equilibrio dos ecosistemas.
O especial toma como punto de partida o Día da Ciencia en Galego, iniciativa promovida por Igaciencia que nesta edición de 2026 homenaxea a Francisco Díaz-Fierros, científico galego de referencia no ámbito da edafoloxía, a disciplina que estuda as propiedades físicas, químicas e biolóxicas dos solos. A escolma recupera materiais que permiten coñecer a súa traxectoria académica e investigadora, así como diferentes aspectos relacionados co estudo, a conservación e a recuperación dos terreos.
A ducia de recursos inclúe dúas entrevistas e conversas arredor de Francisco Díaz-Fierros, que permiten coñecer a súa traxectoria científica e o seu pensamento sobre a evolución e o aproveitamento dos solos galegos. A selección complétase con vídeos didácticos e divulgativos sobre a textura dos solos, a orixe do cheiro da terra mollada, a agrobioloxía ambiental, os organismos que habitan baixo os nosos pés e a redución da pegada hídrica na agricultura.
O especial aborda tamén cuestións como os efectos da actividade humana na xeomorfoloxía galega, o uso de drons para o levantamento topográfico, as novas técnicas para restaurar a biodiversidade e a rehabilitación ambiental de explotacións de áridos.
Pecha a escolma unha reflexión sobre os efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres galegos, a cargo do propio Díaz-Fierros.
Proxector é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos.
