
O Consello de Ministros aprobou hoxe o Real Decreto que aproba o Regulamento do Servizo Universal de Telecomunicacións. Este é un dereito que pode exercer calquera persoa, con independencia da súa localización xeográfica, a súa situación económica ou de discapacidade, e que “garante o servizo telefónico fixo e o acceso fixo a Internet cunha calidade determinada e a un prezo alcanzable”.
O novo regulamento actualiza os requisitos de calidade e accesibilidade do Servizo Universal para adaptalos ao elevado grao de despregamento de redes de alta capacidade acadado en España.
Por unha banda, increméntase a velocidade da conexión fixa a Internet a 100 Mbps (actualmente determinado en 10 Mbps).
“Con esta medida”, informou o Goberno, “España convértese no primeiro país de Europa e un dos primeiros do mundo en ofrecer esta velocidade dentro do servizo universal”.
En canto ás posibilidades de gozar destas telecomunicacións, o Real Decreto amplía as persoas que poden acceder ás tarifas alcanzables a todas aquelas unidades de convivencia perceptoras do Ingreso Mínimo Vital. As operadoras que non dispoñan destas tarifas (segundo os parámetros anuais que estableza a CNMC) deberán ofrecer un 25% de desconto aos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital respecto ao prezo medio de mercado, que tamén establece o organismo regulador. Calcúlase que esta medida podería chegar a beneficiar a uns 2,4 millóns de persoas e a preto de 800.000 fogares.
Adicionalmente, o Real Decreto amplía o número de usuarios que poden beneficiarse do servizo universal, xa que non só poderán solicitalo os consumidores, senón tamén as microempresas, pemes ou organizacións sen ánimo de lucro.
En materia de accesibilidade, obrigarase a todas as operadoras a proporcionar unha oferta suficiente de terminal para persoas con discapacidade e incorporar a funcionalidade de Texto en Tempo Real (RTT), “unha función que facilita a comunicación fluída para persoas con dificultades auditivas ou de fala”, segundo lembrou o Ministerio para a Transición Dixital.
Ata o de agora, o regulamento do servizo universal designaba a un operador para garantir este dereito. Telefónica foino historicamente e é o operador designado ata o 31 de decembro de 2026. A partir do 1 de xaneiro de 2027, cando entre en vigor esta norma, e unha vez publicada unha Orde Ministerial que así o estableza, todas as operadoras atenderán solicitudes nas zonas onde ofrezan cobertura, non sendo necesaria a designación dun operador específico.
Telefónica deberá garantir en todo caso a continuidade das ofertas vixentes do actual abono social. Desta maneira refórzase a capacidade de elección do usuario e permitirá un funcionamento máis libre, independente e competitivo do mercado.
