
O CIFP Politécnico de Santiago abrirá as súas portas ás familias, ao alumnado e ao público en xeral o vindeiro venres 27 de novembro cunha feira gratuíta de experimentación e robótica. A feira pechará Robota: Cultura robótica, a xornada estatal da Semana Europea da Robótica que organiza HispaRob por primeira vez en Galicia co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de AllKnow Education.
A Semana Europea da Robótica é a principal campaña europea de divulgación neste ámbito. Está impulsada por euRobotics e cada ano participan nela centos de entidades europeas. No caso español, a entidade responsable de coordinar a súa celebración é HispaRob, que este ano quere amosar os usos da robótica en ámbitos como a industria, a educación, o coidado das persoas maiores ou os servizos de emerxencia.
Na tarde do venres 27, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o vestíbulo e a biblioteca do CIFP Politécnico de Santiago acollerán unha decena de actividades prácticas pensadas para achegar a ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás. As persoas asistentes poderán conversar con pequenos robots dotados de intelixencia artificial, dar os primeiros pasos en robótica co robot Otto ou programar o robot Sphero Indi.

Tamén haberá retos de programación con distintos robots, circuítos creativos para pintar e acender, programación sen pantallas con pezas táctiles e unha aventura en Minecraft Education para descubrir e protexer os ríos.
A robótica espacial e a realidade virtual terán tamén o seu espazo, e poderase ver de preto como traballa un robot colaborativo nunha maqueta coas aplicacións máis habituais destes robots na automoción.
O propio alumnado do CIFP Politécnico ensinará os proxectos de robótica que desenvolveu nas aulas: un brazo robótico que pinta, outro que repón material nun almacén e dous robots que coordinan entre si a loxística de mercadorías.
Ademais do estudantado do centro, na feira participarán AllKnow Education, JOVI, Letcraft Educación, Camp Tecnológico, DIDAC, TBKids, Sistema THEAD e Jaka Robotics.
A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa na web do evento.
Pola mañá, o mesmo centro acollerá a xornada profesional, cunha mostra de robótica en vivo e mesas sobre robótica social e de emerxencias, coa presenza da directora xeral de Formación Profesional da Xunta, María Eugenia Pérez Fernández; do presidente de euRobotics, Francesco Ferro, e da presidenta de HispaRob, Jorgina Díaz.
