Na actualidade, a tecnoloxía semella ir por dous camiños non excluíntes: o de facernos a vida máis cómoda e o de facérnola máis segura. En cuestión de coches e de estradas, as opcións diversifícanse e a Innovación e o Desenvolvemento tamén apuntan con maior ou menor puntería cara á sustentabilidade enerxética (menor impacto ambiental) e cara á mellora na comunicación. Precisamente disto último, de facer que os automóbiles sexan quen de facer o que seus condutores raramente conseguen (comunicarse entre si), é do que tratan os traballos que desenvolve un grupo de investigadores da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) de Madrid. En boa medida e para ir concretando, os seus estudos materialízanse no deseño dunha ferramenta tecnolóxica que achegue novos niveis de diálogo entre vehículos que se moven.
Segundo informa o devandito equipo de científicos, o traballo apóiase en boa medida no emprego da Rede dun xeito seguro, achegando o que poderíamos entender como unha “Internet móbil” para a comunicación entre os automóbiles.
A idea que sustenta este desenvolvemento, como se pode supoñer, é a de tentar reducir o número de accidentes de tráfico, a día de hoxe especialmente alto. E todo isto achegando redes, con todas as opcións de diálogo que iso implica. Deste xeito, amais da posibilidade de comunicarse entre si, con este dispositivo (na actualidade en fase de simulación) os coches poderán advertirlle ó condutor da probabilidade dunha colisión inminente ou poñelo ó tanto sobre se alguén está a cruzar un semáforo en vermello ou a cometer unha manobra incorrecta ou imprudente.
Mediante esta infraestrutura móbil de transmisión de datos, engade o equipo da UC3M, ata se poderán obter datos directos e actualizados dos sinais de tráficos ou sincronizarse con eles, “de xeito que se reduza o tempo de espera dos coches nos mesmos”. A xuízo de Carlos Bernardos, un dos responsables do estudo, “a idea é que no futuro se poida axeitar a nosa velocidade por si mesma para que cando cheguemos ós cruzamentos, os semáforos sempre estean en verde”.
Un grupo de investigación de Madrid presenta unha rede móbil para a comunicación entre coches
Compartir Este Artigo

