Telefónica e maila Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o cal posibilitar a accesibilidade á Sociedade da Información das persoas xordas e con discapacidade auditiva. Ambas entidades porán en marcha, a partires de agora, o proxecto Creación de puntos accesibles de comunicación: implementación dunha plataforma de video-interpretación para persoas xordas.
A colaboración entre ámbalas dúas entidades remóntase a xullo de 2007, cando asinaron un convenio marco que tiña como principal obxectivo darlle pulo á accesibilidade e á igualdade de oportunidades no ámbito das telecomunicacións e da sociedade da información e promover proxectos de investigación e desenvolvemento que redundaran no beneficio deste colectivo.
Para ratificar agora ese compromiso de colaboración, o director xeral de Telefónica España, Guillermo Ansaldo, e o presidente da CNSE e a súa Fundación, Luís J. Cañón, veñen de asinar unha addenda en base ó devandito Acordo de Colaboración entre ambas entidades, no marco do proxecto Telefónica Accesible. Con esta nova ampliación, as dúas firmas veñen de comprometerse a prestarse apoio mutuo e colaborar no desenvolvemento da plataforma de video-interpretación para persoas xordas. Neste senso, a Fundación CNSE aportará a súa experiencia no ámbito da accesibilidade e as novas tecnoloxías ó servizo das persoas xordas, empregando a infraestrutura de comunicación e os sistemas de Telefónica para o desenvolvemento do proxecto.
Do mesmo xeito, ambas partes traballarán conxuntamente para promover a colaboración entre as súas institucións nos estudos relacionados coas súas respectivas actividades. O seguimento das accións establecidas no convenio, realizarase a través dunha comisión mixta, formada por representantes de Telefónica e da Fundación CNSE.
Plan Integral Telefónica Accesible
Telefónica Accesible ó o proxecto integral para as persoas con discapacidade e ten por obxecto facer de Telefónica un Grupo “plenamente accesible en tódolos seus procesos” e contribuír activamente á “plena igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade”.
Nel participan as diferentes empresas do Grupo e liñas de negocio, aportando as súas capacidades e coñecementos.

