A Fundación Orange vén de presentar o seu último informe anual sobre o desenvolvemento da Sociedade da Información en España, o eEspaña 2008, que mostra os resultados da posición de España en Europa con respecto ás TIC.
Segundo este Índice IeE08, que recolle as facetas de “Entorno”, “Acceso” e “Uso”, España superou a Letonia, Lituania, Eslovaquia e a República Checa, sendo o segundo país que máis mellorou en relación ó ano anterior, tan só por detrás de Portugal.
A posición de España (posto 21) con respecto ao Entorno das TIC (indicador que engloba a penetración das telecomunicacións, o investimento e a innovación TIC) reflexa o tamaño do sector TIC no país, prexudicado polo escaso mercado TI de consumo e o moderado emprego destas tecnoloxías nas pequenas e medianas empresas.
O informe eEspaña mide asemade o grao de converxencia da Sociedade da Información nas comunidades autónomas e neste senso, Madrid mantén neste índice a súa posición de líder. Pola súa parte, Galicia sitúase no antepenúltimo posto por diante de Canarias e Estremadura, logo de experimentar un retroceso en termos de converxencia, xa que en 2007 se situaba 3 postos máis arriba no ránking.
Asemade, o informe indica que Galicia ocupa a cuarta posición no desenvolvemento de servizos públicos en liña por comunidades autónomas cunha media de uso do 77 por cento.
Outros datos importantes que revela o informe da Fundación Orange sobre o acceso da nosa comunidade ás TIC son os seguintes: – Acceso fogares: Galicia sitúase no penúltimo lugar, unicamente por enriba de Estremadura, e cun lixeiro descenso con respecto ao ano anterior. – Acceso empresas: a nosa comunidade sitúase na oitava posición do índice, subindo dende o posto 11 que ocupaba no pasado 2007. – Uso fogares: no tocante ao acceso dende as nosas casas, os galegos ocupamos a penúltima posición, descendendo dende o posto 8º que ocupabamos o ano pasado. – Uso empresas: Galicia sitúase na 9ª posición do índice, descendendo dende o posto oitavo do ano 2007. – O cálculo do índice ICSI e os seus subíndices permítenos detectar as áreas de mellora en cada rexión no relativo ao desenvolvemento da Sociedade da Información (as áreas que están por debaixo da media española); neste senso, Galicia atópase po debaixo da media no nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información dos seus cidadáns.
Galicia, por debaixo da media nacional en desenvolvemento da SI
Compartir Este Artigo

