
O encontro audiovisual I+P, Ideas para Producir celebrou hoxe no Coruña Estudio Inmersivo (o CEI da Cidade das TIC, na Coruña) a xornada central da súa 20ª edición, coa presentación de 18 proxectos de cine e televisión ante representantes das principais canles, plataformas, distribuidoras e produtoras. O encontro, organizado polo Clúster do Audiovisual Galego, reuniu máis dun cento de profesionais consolidáronse como “un espazo de referencia para impulsar o desenvolvemento, o financiamento, a coprodución e a distribución de novos contidos audiovisuais”, en palabras do Clúster.

A convocatoria deste ano acadou un novo récord, con 215 proxectos inscritos.
A xornada de pitching comezou co acto de apertura institucional, no que participaron Alfonso Blanco, presidente do Clúster do Audiovisual Galego; Rosa Ana García López, deputada provincial responsable da área de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.

A deputada provincial recoñeceulle ao sector audiovisual o seu papel como “motor de identidade, cohesión e desenvolvemento económico, así como o seu compromiso coa igualdade, a sustentabilidade e a diversidade”.

Jacobo Sutil destacou “a aposta da Xunta de Galicia para que o audiovisual galego teña oportunidades para producir, establecer alianzas e chegar a mercados internacionais deste a nosa comunidade”.
Os 18 proxectos presentados abranguen distintos xéneros e formatos. No apartado cinematográfico preséntanse nove longametraxes de ficción: Gloria (TEX45 Producións), Cruceta (AbraldeStudio), Nadie va a venir (Congo Producciones), A Raíz (Miramemira), Nuda Propiedade (Servando Vidal), Lampreas (Índigena Films), Entre escenas (Langosta Films), Baixamar (Kraken Media) e La fuga del bou Ramón (EAF Producións).
A selección inclúe tamén os documentais Alan Lomax andou por aquí (Voz Audiovisual) e La otra victoria (Meteórica Cine), ademais da longametraxe de animación Bibopalula. Aventura no Atlántico (Undodez Producións).
No ámbito televisivo participan a miniserie de ficción 100 Vírgenes (Arrivelo Producciones) e as series Furancho (Borboligón Filmes), The Last Line (Lidia Fraga) e Druidas (Ramen Studio).

Completan a escolma os formatos de entretemento Domar o vento, un reality de aventuras de Tamboura Films, e La Gran Escena, un talent show de Producciones Vigo.
Os responsables dos proxectos presentaron esta mañá as súas propostas ante os executivos que participan nesta nova edición e, durante a tarde, manteñen reunións bilaterais con potenciais socios, compradores e distribuidores para avanzar no seu desenvolvemento e explorar novas vías de financiamento, produción e colaboración.
O panel desta edición reúne máis dunha vintena de responsables de contidos e executivos de compañías nacionais e internacionais. Por parte de Atresmedia TV participan Ana Belén Gómez, delegada de contidos, e Anxo Soilán, da área de Produción e Desenvolvemento de Proxectos de Atresmedia Cine. Mediaset España está representada por Carmen Agraz, produtora executiva de ficción, e Blanca Pacheco, de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema. Tamén asisten Esther Dueñas, produtora executiva de Ficción e Cine de 3Cat, e Paola Sainz de Baranda, responsable do Departamento de Cine de Canal Sur.
Movistar Plus+ conta con Lara López, da área de Compra de Dereitos Audiovisuais de Cine Español e Independente, e Alonso Muñoz, do departamento de Desenvolvemento de Series. Por parte de Prime Video & Amazon MGM Studios participan María Kindelán e Joaquín Garralda, executivos de desenvolvemento. HBO Max está representada por Laura Leamus, coordinadora de Adquisicións, mentres que Disney+ España conta con Ana Diez, directora de contidos, e Javier Bermúdez de Castro, responsable de Business Affairs dos orixinais.

Tamén participan Patricia Silva, directora de Programación e Adquisicións para as canles de ficción, e Raquel Domínguez, programadora de canles de factual de AMC Global Media; Patricia Vázquez, directora de Produción Local de Warner Bros. Discovery; Carlos Fernández, CEO de Filmax, e Jesús Vecino, xerente da compañía en Galicia. Completan a representación empresarial Jamie Southon, analista de guións e supervisor de desenvolvemento en Beta Fiction Spain; Gloria García, responsable de Desenvolvemento en Portocabo, e José Fragoso, director de Programas de RTP1, RTP Mundo e RTP África.
A eles súmanse Javier Lopo, subdirector do Departamento de Formatos e Contratación de Contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), e Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos da Televisión de Galicia.
A participación destes profesionais reforza o carácter do I+P como punto de encontro entre quen desenvolve novos contidos e as compañías que poden impulsar o seu percorrido no mercado audiovisual.

O I+P 2026 conta co apoio da Deputación da Coruña, co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración de Pedralonga Estudios, Music Library & SFX, Filamento Iluminación e Gadis, así como das asociacións profesionais CREA e AGAG e do MPXA.
Ao longo das súas vinte edicións, o I+P contribuíu a impulsar o desenvolvemento de máis de 300 proxectos audiovisuais e a xerar oportunidades de encontro e negocio para as empresas e os profesionais do sector.
A programación desta 20ª edición do I+P comezou onte, xoves, cunhas xornadas profesionais celebradas no CEI, que reuniron representantes de distintos ámbitos da industria para analizar algúns dos principais retos do sector audiovisual.
A xornada arrincou coa apertura a cargo de Alfonso Blanco, presidente do Clúster do Audiovisual Galego, e cunha visita guiada por Pedralonga Estudios. José Manuel Deus, director xeral da compañía, presentou as funcionalidades do escenario virtual e as súas posibilidades de aplicación á produción audiovisual, achegando aos asistentes as novas ferramentas e tecnoloxías que están a transformar os procesos de rodaxe.

Un dos temas centrais do encontro foi a xestión de dereitos e o clearance na produción audiovisual, abordado nunha mesa redonda moderada por Fernanda Tabarés, presidenta de Pedralonga Estudios. Helena Suárez, avogada e socia de Écija; Javier Vázquez, avogado de Vale & Asociados, e Verónica Buide, avogada, produtora executiva e CEO de Pulpa Rights, analizaron os desafíos legais que formula a utilización de contidos e materiais nas producións, así como as novas necesidades de xestión e autorización de dereitos nunha contorna audiovisual cada vez máis complexa.
A programación continuou cun espazo dedicado ao papel das televisións autonómicas como impulsoras de novos contidos e formatos. Esther Dueñas, de 3Cat; Paola Sainz de Baranda, de Canal Sur, e Carlos García-Verdugo, subdirector do Departamento de Análise, Rendemento e Marketing da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), compartiron as súas perspectivas sobre as liñas de produción das súas respectivas canles e as posibilidades de colaboración que ofrecen ás produtoras e aos profesionais do sector, e a CSAG abordou a súa nova estratexia de marca.
O programa pechouse cun relatorio de José Fragoso, director de Programas de RTP1, RTP Mundo e RTP África, titulada Unha ollada ao mercado audiovisual portugués. A intervención permitiu achegarse ás características deste mercado e explorar as posibilidades de colaboración e desenvolvemento de proxectos entre as industrias audiovisuais de Portugal e España.


